A Valedora visitará Valdoviño o 14 de febreiro e invita a todos os veciños a un encontro na casa do Concello

Milagros Otero aproveitará a visita ó municipio para se reunir co alcalde e membros da corporación municipal e coñecer de primeira man algúns dos problemas que afectan ó concello

A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, trasladarase o próximo mércores 14 de febreiro a Valdoviño. A institución invita a todos os interesados a participar ese día nun encontro de atención directa á veciñanza. Atenderá en persoa as queixas e consultas que queiran facerlle chegar nunha xuntanza que se celebrará entre as 16 e as 18 horas no salón de plenos da casa consistorial de Valdoviño.

O programa da valedora do pobo incluirá unha visita á Casa do Concello (12 horas) onde se entrevistará co alcalde de Valdoviño, Alberto González Fernández, e cos membros da corporación municipal e deixará constancia da visita no libro de sinaturas municipal.

O obxectivo da actividade é achegar os servizos que ofrece a institución do Valedor do Pobo á cidadanía co fin de atender, protexer e defender os seus dereitos fronte ás actuacións das administracións públicas en políticas agrícolas e gandeiras, sanitarias, educativas, de vivenda, servizos sociais, medio ambiente, xustiza, urbanismo; e tamén en cuestións relacionadas cos servizos de interese xeral, como poden ser as reclamacións con empresas de subministración de servizos públicos, entidades financeiras, etc.

Aínda que se fixo chegar invitación a través do Concello, a oficina do Valedor do Pobo convida a veciños de todas as parroquias e de localidades próximas a se achegar ao encontro. A propia valedora e o persoal da institución estará a dispor dos interesados de 16 a 18 h no salón de plenos da Casa do Concello.

Calquera persoa ou colectivo poderá dirixirse directamente á valedora e trasladar a súa reclamación, aínda que, para unha mellor prestación do servizo, poderase concertar unha cita previa chamando ao teléfono 981 569 740 ou enviando un correo electrónico a comunicacion@valedordopobo.gal.

A visita a Valdoviño forma parte do programa de encontros que cada mes a titular da institución realiza nun concello de Galicia. A institución do Valedor do Pobo quere agradecer a colaboración brindada pola alcaldía de Valdoviño para organizar o encontro.

Nos últimos meses a defensora trasladouse a Guitiriz, Carballeda de Avia, Láncara, Curtis, Marín, Monforte, O Barco de Valdeorras, Carballo ou Viveiro entre outras localidades. Os casos problemáticos que achegan os veciños nestas xuntanzas inician a súa tramitación con carácter inmediato e tamén adoitan atopar solucións en moi pouco tempo.