A igrexa de Lago albergará este domingo o concerto “Románticos e románticas galegos”

O programa municipal “Escenarios Paralelos” continúa ofrecendo novidosas propostas culturais en espazos alternativas á Casa da Cultura. Neste caso, o escenario paralelo elixido será a igrexa de Lago. Alí principiará este domingo, a partir das 18 horas, o espectáculo para voz e piano “Románticos e románticas galegos”, a cargo da compañía Vento Dolce. A entrada, como é habitual, será gratuíta e a actuación conta co apoio da Deputación, a través da Rede Cultural.
 
O programa mostra un percorrido por algunha das pezas máis significativas do romanticismo galego, conferíndolle un especial protagonismo a catro personalidades destacadas da época: Eugenia de Osterberger (compositora), Marcial del Adalid e Juan Montes (compositores) e Rosalía de Castro (escritora).
 
Cantares e cantigas, baladas e poemas, mistúranse nunha evocación constante ao pobo, as costumes, ao sentimento e as tradicións, que serven a súa vez como fonte de inspiración dun repertorio romántico galego que, cos seus elementos diferenciais, constitúe un corpus musical e poético de importancia crecente dentro do panorama cultural do noso país.
 
Ás figuras xa consolidadas, Adalid ou Montes, engádese para a ocasión a de Eugenia Osterberger (tamén coñecida como E. Aurier tras o seu matrimonio). Unha figura recentemente recuperada do esquecemento nun amplo estudo realizado polas investigadoras Rosario Martínez y Beatriz López-Suevos, e da que consta un escaso repertorio publicado (moito menor que o composto) tanto para piano como para voz e piano, e do que se dá cumprida mostra neste programa, centrándose neste caso nas composicións en lingua galega, se ben musicou tamén textos en italiano ou francés.