Valdoviño aproba por unanimidade a súa integración na comunidade intermunicipal para a xestión do proxecto Xeoparque Cabo Ortegal

O pleno do Concello de Valdoviño aprobou esta mañá por unanimidade a incorporación do municipio a unha comunidade intermunicipal que permita a xestión conxunta do proxecto Xeoparque Cabo Ortegal. Unha comunidade que estaría integrada tamén polos municipios de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira e San Sadurniño. Así mesmo, a Deputación provincial da Coruña xa expresou a súa vontade de colaboración co ente mediante a sinatura dun convenio de colaboración polo que achegará medio millón de euros co obxectivo de impulsar o proxecto e presentar a candidatura á Unesco.
 
A comunidade intermunicipal ten como primeira misión, entre outras, a redacción do plan director e o desenvolvemento das actividades.
 
O complexo de Cabo Ortegal abrangue 630 quilómetros cadrados de superficie dos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, e neles sitúanse ata 52 lugares de interese xeolóxico e cinco sitios de relevancia internacional. A relevancia xeolóxica de todos estes lugares de interese xeolóxico vén dada por encontrarse neles formacións únicas ou case imposibles de ver en ningún outro lugar del mundo: praias de area vermella praias de area negra como a de Teixidelo, única no planeta de orixe non volcánica, afloramentos de lava, granitos negros, restos glaciares e rochas que habitualmente están a máis de 70 quilómetros de profundidade e que nestes concellos poden observarse a simple vista.