O Concello acondiciona o Camiño do Carballal para convertilo nunha vía de acceso alternativo ó areal da Frouxeira

Os concelleiros de Obras e Servizos, Alejandro García e Benito Vega, supervisaban esta mañá o inicio dos traballos que permitirán converter o Camiño do Carballal nunha vía de acceso alternativo ó areal e lagoa da Frouxeira. Unha intervención que o Concello financia con cargo a un convenio de colaboración suscrito polo alcalde, Alberto González, e o presidente da Deputación provincial, Valentín González Formoso, e que inclúe un paquete máis amplo de actuacións nas diferentes parroquias cun orzamento superior ós 100.000 euros.
 
En todo caso, Alejandro García explica que a do Carballal é unha intervención estratéxica para desconxestionar o intenso tráfico que se produce sobre todo no verán pola afluencia de visitantes á praia e á lagoa da Frouxeira. Hoxe en día o Camiño do Carballal, unha vía de graba e terra que parte da Avenida de Valdoviño (fronte á Casa da Cultura) e remata na Avenida de Ferrol, atopábase nun estado de conservación moi deficiente. De aí que os traballos contemplen a construción de cunetas e o asfaltado da vía, abrindo esa nova alternativa ó areal, pero tamén para os veciños e veciñas da zona da Ladeira e do Pereiro.
 
Segundo as estimacións municipais, a actuación estará rematada este mes.