Valdoviño acollerá esta fin de semana o Campeonato de España Cadete e Menor de 14 anos de Tiro con Arco

O Campionato de España de Tiro con Arco Cadete e Menor de 14 anos, así como a fase final do Campionato por equipos mixtos de comunidades autónomas en ambas categorías, disputarase en Valdoviño. A competición, organizada pola Real Federación Española de Tiro con Arco e a Federación Galega, conta coa colaboración do Concello e do Club de Arco A Frouxeira e será de entrada libre para o público. Un total de 220 arqueiros daranse cita na búsqueda dunha praza na selección nacional para representar a España nos Mundiais. Un deles será o primeiro arqueiro con discapacidade visual que participe nun Campeonato de España a nivel de exhibición para dar a coñecer a nova modalidade de tiro con arco para arqueiros invidentes. O deportista local Adrián Orjales Vidal.
 
Precisamente esta mañá, o salón de plenos da casa consistorial acollía o acto de presentación da competición, no que tomaron parte o alcalde, Alberto González; o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra; o presidente da Federación galega, Alfredo Rubido; o presidente do Club de Arco A Frouxeira, Fernando González, e o seu secretario, José Teijeiro.
 
O campeonato celebrarase esta fin de semana os días 22 e 23 de xullo, no Campo de fútbol de Mourente, e o rexidor agradecía a implicación de pequenas empresas locais como a Cooperativa de Lago, o cámping ou Gairesa, así como a colaboración da Armada e Navantia Ferrol na cesión de material. Poñía en valor a participación de Adrián Orjales e, especialmente, o traballo que realiza o Club de Arco A Frouxeira que, en tan pouco tempo, ten favorecido de forma espectacular a práctica deste deporte no municipio. Por último, subliñou a oportunidade que o campeonato brinda á promoción turística de Valdoviño, xa que serán máis de 200 familias as que visiten o municipio, amáis da difusión a través de diferentes plataformas, como youtube. Precisamente, Alfredo Rubido, sinalou que o público poderá seguir en directo a competición a pé de campo grazas ós mellores medios técnicos: pantallas de control de tiro, así como que se  prevé a retransmisión do evento a través dun canal específico de youtube. Destacou tamén a alta participación, superando a barreira dos 200 arqueiros, así como o concurso dos 19 inscritos galegos, especialmente na modalidade de arco recurvo.
 
Para Fernando González, o campeonato é todo un reto para o Club que preside e agradeceu especialmente a colaboración de todos os voluntarios. Tamén avanzou que as escolas de surf ofrecerán bautismos para aqueles rapaces participantes.
 
O Campeonato de España Cadete e Menor de 14 anos, para ambas categorías, desenvolverase por medio dun round clasificatorio seguido da serie Olímpica (sistema de sets) para arco recurvo e da Serie de Encontros (puntos acumulativos) para arco composto. Así mesmo, ó remate destas competicións, realizarase a clasificación da fase previa do Campeonato de España por Equipos Mixtos tendo en conta a suma das mellores puntuacións masculina e feminina de cada federación, en cada división e clase, obtida nos dous mellores rounds clasificatorios das tres tiradas da liga nacional, máis a puntuación obtida no round clasificatorio do Campeonato de España Cadete e Menor de 14 anos. Do ránking resultante, os catro primeiros equipos mixtos diputarán a fase final do Campeonato de España de equipos mixtos de Comunidades Autónomas, realizando as eliminatorias correspondentes, que comezarán en semifinais.