O Concello de Valdoviño organiza a Andada nocturna “Lavandeiras”

O Concello de Valdoviño, a través da Concellería de Cultura, organiza a cuarta edición da súa andada nocturna de verán. Neste caso, baixo o título “Lavandeiras”. Celebrarase o venres 28 e, para tomar parte, é preciso inscrición previa. O prazo abrirase o próximo martes e, para anotarse, é necesario acudir á Casa da Cultura de 10 a 13 horas (os días 18, 19, 20, 24, 26 e 27 de xullo) ou chamar ó teléfono 981 48 76 66. En todo caso, a actividade é gratuíta.
 
O punto de encontro será o adro da Igrexa de Vilarrube ás 21,30 horas, co ánimo de partir ás 22 h. Dende alí, iniciarase un percorrido duns 3,5 quilómetros de dificultade baixa ata o lavandoiro dos Romeos. Unha vez chegados a este espazo, o Concello ten preparado un espectáculo cultural aberto ó publico e gratuíto e, ó termo, darase por finalizada a actividade.
 
Os menores de idade poderán asistir, pero sempre cun adulto que se responsabilice del. E, dende  a Concellería de Cultura, lémbrase a necesidade de vestir algunha prenda reflectante e acompañarse dunha lanterna.
 
A andada inclúese no programa “Escenarios Paralelos”, organizado polo Concello coa colaboración da Deputación a través da Rede Cultural.