Circo musical este domingo no parque da Frouxeira a cargo da Banda de Visantoña-Odaiko

O programa municipal “Escenarios Paralelos” permitirá a veciños e visitantes disfrutar dun espectáculo de circo musical este domingo, 16 de xullo, no parque municipal da praia da Frouxeira. Correrá a cargo da Banda de Música de Visantoña-Odaiko, e dará comezo ás 19,30 horas –en caso de choiva, a proposta do Concello de Valdoviño trasladaríase ao auditorio da Casa da Cultura-.
 
A formación artística, integrada pola Banda de Música de Visantoña e o Grupo de Percusión Odaiko, realizará malabares musicais e virtuosas acrobacias nun pasarrúas polo entorno no que animarán ós presentes a acudir ó espectáculo. No propio parque, e como se dun circo se tratase, Odaiko recreará un espazo no que os elementos percutivos son os medios usados para realizar as acrobacias. E, acompañados pola Banda de Música, a música interpretada por estes intrépidos embaixadores do ritmo, estará acompañada dunha divertida posta en escea.
 
Co programa “Escenarios Paralelos”, o Concello de Valdoviño busca sacar á rúa as súas propostas culturais e, especialmente, dar a coñecer emprazamentos únicos do municipio. Esta segunda edición do proxecto arrancaba a primeiros de mes no atrio da Capela das Neves (Aviño).
 
As seguintes propostas do proxecto para xullo celebraranse o día 23 no parque da Frouxeira coa obra “En punto”, a cargo do grupo “Teatro en Punto”; o venres 28, cunha andada nocturna baixo o lema “Lavandeiras: igrexa de Vilarrube-Lavadoiro dos Romeos (Vilaboa)”, e o domingo 30 co espectáculo de monicreques a cargo de Seisdedos Marionetas Tradicionais. Ofrecerán “O galo Quirico e os seus amigos” no parque de Marnela (Pantín).