Proxección do filme galego “Linko” este xoves na praza da Casa da Cultura

A praza da Casa da Cultura de Valdoviño volve converterse este xoves, 13 de xullo, nunha sala de cine ao aire libre para acoller a proxección do filme galego “Linko”. Unha longametraxe pioneira por canto foi a primeira rodada en España con actores e actrices reais en escenarios xenerados na súa totalidade por ordeador. O pase dará comezo ás 22,30 horas con entrada de balde. En caso de choiva, a proposta trasladaríase ó auditorio da Casa da Cultura.
 
“Linko” é unha película de ciencia ficción dirixida a un público maior de 7 anos. Sitúa a súa trama nun futuro próximo, tras unha guerra que destruiu a civilización e na que unha banda de piratas ataca aos supervivintes. Dirixida polo cineasta galego Rafael Calvo, está protagonizada por Críspulo Cabezas, Manel Barceló e Yolanda Ulloa.
 
A proxección inclúese no ciclo de cine ao aire libre que promove o Concello para os meses de xullo e agosto e conta coa colaboración da Deputación provincial, no marco da Rede Cultural. Así mesmo, o cartel do ciclo para este mes de xullo continuará o xoves 20 co filme “Del revés” e o xoves 27 con “Pixels”. En agosto, “Ocho apellidos catalanes” (martes 1); “O espírito do bosque” (luns 7), e “Somos xente honrada” (luns 21).