Aprobada a Ordenanza do Rexistro Municipal de Asociacións

O BOP publicou a aprobación definitiva da Ordenanza reguladora do Rexistro Municipal de Asociacións.
 
O texto completo da ordenanza inclúese de seguido, publicándose tamén no xunto ao resto de normativas no apartado correspondente á Lexislación
 
Ordenanza reguladora do Rexistro Municipal de Asociacións
 
Exposición de motivos
 
O dereito a asociarse aparece determinado na Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, que desenvolve o dereito fundamental de asociación recoñecido no artigo 22 da Constitución.
 
No ámbito local é o artigo 236 do Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais (ROF), aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro, o que prevé a existencia dun Rexistro Municipal de Asociacións Veciñais. Os dereitos recoñecidos ás asociacións para a defensa dos intereses xerais ou sectoriais da veciñanza nos artigos 232, 233, 234 e 235 deste regulamento só poderán ser exercitados por aquelas que se atopan inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións Veciñais.
 
Polo tanto, o rexistro ten por obxecto permitirlle ao Concello coñecer o número de entidades non lucrativas existentes no termo municipal, os seus fins e a súa representatividade, para os efectos de posibilitar unha correcta política municipal de fomento do asociacionismo veciñal, por tanto, é independente do Rexistro Xeral de Asociacións, no que asemade, deben figurar inscritas todas elas.
 
O Rexistro Municipal de Asociacións Veciñais é independente do Rexistro Xeral de Asociacións e do Autonómico, que supoñen un recoñecemento legal da asociación, mentres que o rexistro municipal serve para poder exercitar as posibilidades de participación e obtención de beneficios expresados nos artigos 232 a 235 do ROF.
 
Se contan con estatutos, número do Rexistro Xeral de Asociacións ou do Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, e demais elementos básicos, as asociacións serán legais, independentemente da súa inscrición no Rexistro Municipal, que, insistimos, ten carácter voluntario, e incluso deben cumprir a condición de tratarse de asociación para a defensa dos intereses xerais ou sectoriais da veciñanza, polo que poden existir asociacións que aínda desexando inscribirse no Rexistro Municipal non cumpran este (ou outros) requisito(s); agora ben, só os inscritos gozarán no seu caso dos dereitos recoñecidos.
 
Mais unha cousa é a voluntariedade da inscrición e outra é a voluntariedade da creación do rexistro. Para que as asociacións poidan inscribirse debe existir este rexistro, porque ao ser un dereito dos particulares a inscrición, é unha obriga das administracións a creación deste, mais non existe unha formalidade legal para a creación do rexistro, que se levará na Secretaría Xeral da Corporación, e dado que non é unha competencia do Pleno das enumeradas no artigo 22 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local (LRBRL.), poderá realizarse por decreto da Alcaldía baseándose no artigo 21 da mesma norma, atribuíndose como unha competencia residual máis.
 
Obxecto e características
 
Artigo 1.
O Rexistro Municipal de Asociacións ten por obxecto permitirlle ao Concello de Valdoviño coñecer o número de entidades existentes no municipio, os seus fins, representatividade e incidencia, para os efectos de posibilitar unha política municipal axeitada que contribúa a fornecer o tecido asociativo local.
 
Artigo 2.
O Rexistro Municipal de Asociacións é independente do Rexistro Xeral de Asociacións e do Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, polo que a inscrición das entidades ou organizacións en calquera destes últimos non presuporá a inscrición no primeiro.
 
Artigo 3.
O Rexistro levarase na Secretaría Xeral.
 
Artigo 4.
Os datos contidos no Rexistro Municipal de Asociacións serán públicos, exceptuando aqueles que estean especialmente protexidos pola Lei de protección de datos (LO 15/1999 de 13 de decembro).
 
Inscrición no Rexistro
 
Artigo 5.
Poderán obter a inscrición no Rexistro Municipal de Asociacións todas aquelas que teñan o seu domicilio social no termo municipal de Valdoviño e cuxo obxecto sexa a defensa, o fomento ou a mellora dos intereses xerais ou sectoriais da veciñanza do municipio, e en particular, as asociacións de veciños/as, as de nais e pais de alumnos, os clubs deportivos, as entidades culturais, xuvenís, recreativas, sindicais, empresariais, profesionais e calquera outra semellante, que exerzan as súas actividades dentro do ámbito territorial de Valdoviño. 
 
Artigo 6.
As asociacións interesadas na inscrición deberán presentar a solicitude e achegar mediante orixinal ou fotocopia compulsada a seguinte documentación.
1) Acta fundacional.
2) Estatutos, adaptados á Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación.
3) Resolución/s de inscrición preceptiva/s no/s rexistro/s doutras administracións públicas que corresponda/n legalmente.
4) CIF.
5) Certificación do/a secretario/a da entidade indicando nome, apelidos, NIF, domicilio e teléfono das persoas que ocupan os cargos directivos no momento da inscrición no Rexistro Municipal de Asociacións, así como o domicilio social da entidade e o número de socios/as.
6) Orzamento do ano en curso.
7) Programa de actividades do ano en curso.
As entidades deportivas deberán presentar copia compulsada dos seus estatutos adaptados ao establecido na Lei 3/2012, do 2 de abril, de deporte de Galicia.
 
Artigo 7.
A unidade administrativa encargada da colaboración na xestión do rexistro realizará as comprobacións oportunas para a inscrición da asociación. No prazo de quince (15) días, que contarán desde a solicitude de rexistro, deberalle comunicar á asociación interesada o seu número de inscrición. O transcurso do prazo poderá interromperse en caso de que fose necesario requirirlle á asociación para que presente a documentación non incluída inicialmente. Se transcorrido o prazo concedido a asociación non achega os datos requiridos, entenderase que renuncia da súa pretensión de inscribirse. No caso de que a asociación solicitante non obtivese resposta á solicitude de inscrición no prazo sinalado de quince (15) días, a inscrición entenderase efectuada, sempre que a asociación tivese achegado a documentación preceptiva.
 
Artigo 8.
A partir da data de comunicación do número de inscrición, considerarase que a asociación está dada de alta a todos os datos referentes ás asociacións que teñan que figurar nos arquivos desta administración.
 
Dereitos
 
Artigo 9.
1. Os dereitos recoñecidos nesta ordenanza ás asociacións para a defensa dos intereses xerais ou sectoriais da veciñanza só serán exercitables por aquelas que se atopen inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións Veciñais.
2. As asociacións inscritas, logo da petición por escrito presentada no Rexistro Xeral coa antelación que sexa establecida polos servizos correspondentes, poderán acceder ao uso de medios públicos municipais, especialmente locais sociais e medios de comunicación, coa limitación que impoña a coincidencia do uso por parte de varias delas ou polo propio Concello, e serán responsables do trato dado ás instalacións, todo elo de acordo co establecido no presente reugulamento.
As autorizacións concederanse atendendo ás actividades programadas, a dispoñibilidade de espazos, persoal e horarios, segundo os criterios que sexan fixados polas unidades responsables da xestión dos medios solicitados. Asemade, as asociacións inscritas poderán acceder ás accións formativas que impulse o Concello de Valdoviño en fomento do asociacionismo.
 
Artigo 10.
Logo da solicitude escrita dirixida ao Concello, as asociacións inscritas poderán recibir no seu domicilio social as convocatorias dos órganos colexiados municipais cuxas sesións sexan públicas, cando na orde do día figuren cuestións relacionadas co obxecto social destas.
 
Artigo 11.
As asociacións inscritas, mediante solicitude escrita dirixida ao Concello, poderán recibir os acordos e resolucións adoptados polos órganos municipais cando o seu contido afecte a temas relacionados co obxecto social da entidade.
 
Artigo 12.
O Concello, logo de petición expresa das asociacións inscritas interesadas, remitiralles as publicacións que, editadas polo Concello, resulten de interese para aquelas, atendendo ao seu obxecto social.
 
Artigo 13.
Na medida que o permitan os recursos municipais e logo do procedemento establecido nas bases de execución do orzamento, o Concello poderá subvencionar economicamente as asociacións, tanto no que se refire aos seus gastos xerais coma ás actividades que realicen.
 
Artigo 14.
As asociacións xerais ou sectoriais poderán canalizar a participación da cidadanía nos Consellos Sectoriais, nos órganos colexiados de xestión desconcentrada e nos órganos colexiados de xestión descentralizada de servizos municipais cando tal participación estea prevista nas regulamentacións ou acordos municipais polos que se rexan e, no seu caso, na medida que o permita a lexislación aplicable, e levarase a cabo nos termos e co alcance previstos nestes.
En todo caso, teranse en conta, para os efectos de determinar o grao de participación de cada unha delas, tanto a especialización sectorial do seu obxectivo social coma a súa representatividade. En principio, a participación das asociacións só se admitirá en relación con órganos deliberantes ou consultivos, agás nos casos nos que a Lei autorice a integración dos seus representantes en órganos decisorios.
 
Artigo 15.
Os distintos departamentos municipais artellarán as relacións de colaboración necesarias co fin de facilitar a tramitación dos asuntos promovidos polas asociacións debidamente inscritas, sendo a unidade administrativa responsable da xestión do Rexistro Municipal de Asociacións a encargada de subministrar a outras unidades municipais os datos referentes ás asociacións que haxan de obrar nos arquivos desta administración.
 
Artigo 16.
As asociacións inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións poderán ser declaradas polo Pleno do Concello de Valdoviño como entidades de interese público local, de acordo con criterios de representatividade, garantía de funcionamento democrático e actividades realizadas e complementariedade destas coas actividades municipais. Do mesmo xeito, por acordo motivado poderán perder a citada cualificación de utilidade pública municipal.
Poderán ser declaradas entidades de interese público local aquelas asociacións de veciños, culturais, deportivas, recreativas ou outras que desenvolvan principalmente a súa actividade no municipio. Deberán caracterizarse pola defensa dos veciños e veciñas de Valdoviño. Así mesmo, tenderán a promover os intereses xerais de Valdoviño: de carácter cívico, educativo, cultural, deportivo, científico, sanitario, de promoción dos valores constitucionais e dos dereitos humanos, de asistencia social, de promoción da muller e fomento da igualdade, defensa do medio ambiente, de promoción económica e fomento da economía do municipio.
As Asociacións declaradas de interese publico municipal terán dereito preferente, na medida das posibilidades, á utilización de locais e instalacións municipais e á percepción de subvencións, tanto para gastos ordinarios de funcionamento como para o desenrolo e promoción de actividades concretas.
 
Obrigas
 
Artigo 17.
As asociacións están obrigadas a notificarlle ao Rexistro Municipal de Asociacións todas as modificacións dos datos de inscrición dentro do mes seguinte á data en que se produzan.
 
Artigo 18.
Anualmente, durante o mes de xaneiro, as asociacións comunicarán, mediante unha breve memoria, o programa anual de actividades e o orzamento previsto para o ano en curso. Comunicarán, así mesmo, cantos datos de rexistro actualizados lles sexan solicitados.
 
Artigo 19.
As asociacións responderán do uso realizado das instalacións municipais e dos danos que nestas puidesen causar pola súa utilización.
 
Artigo 20.
O incumprimento destas obrigas poderá dar lugar, logo de tramitación do oportuno expediente, á baixa da asociación no Rexistro coa conseguinte perda dos dereitos enumerados na presente ordenanza.
 
Disposicións finais
 
Primeira.–Para o non previsto por esta ordenanza, o Rexistro Municipal de Asociacións, e as relacións das inscritas nel co Concello de Valdoviño, rexeranse polo Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais.
 
Segunda.–A presente ordenanza entrará en vigor, logo da súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, despois de transcorrer o prazo previsto no artigo 70 en relación co 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.
 
Valdoviño, 01 de febreiro de 2016.
O alcalde
Asdo.: Alberto González Fernández