Programa "Mellora" - Curso de formación en habilidades persoais e empregabilidade

O departamento de Servizos Sociais do concello de Valdoviño e o Plan de Inclusión Social poñen en marcha un programa consistente na impartición de varios módulos formativos co fin último de mellorar a empregebilidade das persoas do concello.
OBXECTIVOS
- Promover a adquisición de competencias (actitudes, habilidades e capacidades) nas persoas para un axeitado desenvolvemento das súas funcións persoais, familiares e sociais.
- Reforzar, estimular e potenciar os propios recursos persoais e as súas capacidades para a solución das dificultades nas que se poidan atopar nas diferentes etapas do ciclo vital, facéndoas partícipes e protagonistas do cambio.
- Fomentar un sistema de valores coherentes e saudables que permita unha maior autonomía e preparación para a integración social.
- Achegar as demandas dos procesos de selección
-  Coñecer como facer a análise das ofertas.
-  Promover e dinamizar a relación grupal, como elemento potenciador e protector.
O curso terá unha duración total de 70 horas, e impartiríase entre os meses de Maio e Xuño.
Os contidos dividiríanse en catro módulos:
- Habilidades sociais e persoais (10 horas)
- Xestións diarias e organización doméstica (10 horas)
- Informática básica (20 horas)
- Busca activa de emprego (30 horas)
As persoas destinatarias serán aquelas que sexan derivadas pola técnica do Plan Galego de Inclusión Social, acadando un número total de 11. O número determínase en función dos ordenadores dispoñibles nas instalacións, que son precisos para impartir algunhas das clases dos diferentes módulos e todas as de informática.
A formación será impartida polos/as técnicos/as municipais dos Departamentos de Cultura e Servizos Sociais e pola técnica responsable do Plan de Inclusión.