I Certame de fotografía anterior a 1970

O Concello de Valdoviño convoca o I Certame de fotografía tomada con anterioridade a 1970 no propio concello. Trátase dun proxecto promovido co fin de recompilar e divulgar documentos fotográficos cos que reconstruír a historia do concello, e asemade, utilizar unha selección de fotografías para ilustrar o calendario municipal do ano 2015.
 
As bases, que poden consultarse nesta mesma web: I Certame de fotografía anterior a 1970, sinalan que pode participar calquera persoa maior de idade que sexa propietaria de fotografías tomadas con anterioridade ao ano 1970 (como data aproximada de referencia) en Valdoviño, xa estean relacionadas con Valdoviño, a súa xente, os costumes, historia, modos de vida, tradicións, personaxes relevantes e curiosos, paisaxes e todo o que poida ser obxecto de plasmar a historia gráfica do concello.
 
Cada concursante poderá presentar un máximo de tres fotografías, en formato dixital ou en papel, ata o 24 de novembro.
 
As imaxes entregaranse na Casa de Cultura, no horario de atención ao público, ou a través do correo electrónico, no enderezo info@concellodevaldovino.com, indicando como asunto Iº CERTAME DE FOTOGRAFÍA ANTERIOR A 1970 CONCELLO DE VALDOVIÑO.
 
Os participantes acompañarán a fotografía coa seguinte documentación:
- Ficha cos datos persoais do propietario e cos datos que coñeza sobre a fotografía que se presenta.
- Autorización expresa para que o Concello de Valdoviño poida publicar as fotos e poida realizar unha exposición pública das mesmas e declaración xurada de que o participante é o autor ou propietario e tén todos os dereitos de uso e difusión da fotografía presentada.
 
As 16 fotografías que a criterio do xurado sexan máis representativas da historia do concello pasarán a formar parte do calendario municipal do ano 2015 e os propietarios das fotografías seleccionadas recibirán como axuda pola colaboración, un vale de 100 euros. Os nomes publicaranse na páxina web do Concello. Ademais realizarase un sorteo de cinco vales de 60 euros cada un entre os participantes propietarios das fotos recibidas que non foron seleccionadas para formar parte do calendario.