XIV Festival de Entroido

O Concello de Valdoviño promove o XIVº Festival de Entroido, que se celebrará o vindeiro sábado 8 de marzo as 18:00 horas na Casa de Cultura.
 
BASES QUE REXERÁN NO XIVº FESTIVAL  DO ENTROIDO 2014 NO CONCELLO DE VALDOVIÑO
1.- Poderán participar no XIVº Festival de Entroido do Concello de Valdoviño as entidades legalmente constituídas e/ou grupos ocasionais  que cumpran as condicións establecidas nas seguintes bases. En todo caso nomearase un representante debidamente autorizado para actuar en nome do grupo.
 
2.- Para poder participar e optar as axudas económicas será imprescindible encher a solicitude de inscrición e os documentos anexos e entregalos na Casa de Cultura do Concello durante o mes de febreiro  en horario de 11’00 a 13’00 horas e/ou de 16’00 a 19’00 horas nos días de luns a venres a partir da aprobación das bases.
 
3.- O modelo de instancia e Bases de inscrición facilitaranse na  Casa de Cultura e estará dispoñible na páxina web do Concello.
 
4.- Poderán participar no festival todas as persoas interesadas  nas seguintes categorías :
A) COMPARSA ADULTOS : Considerarase comparsa o grupo de persoas integrado por un número igual ou superior a dez compoñentes debidamente disfrazados e gardando unha unidade temática na súa vestimenta e actuación. Poden optar a axuda económica  por inscrición e a premios.
B) COMPARSA INFANTIL  agrupacións formadas por un número igual ou superior a 10 persoas nas que polo menos o 50% dos seus componentes sexan menores de 18 anos.  As comparsas infantís precisarán nomear a un representante maior de idade para poderen participar. As comparsas infantís rexeranse polas mesmas bases que todas as demais , e poden optar a axuda económica por inscrición , pero non poden optar a premios .
EN TODOS OS CASOS A INSCRICIÓN É OBRIGATORIA PARA PODER OPTAR ÁS AXUDAS ECONÓMICAS .
No suposto de que a comparsa se presente acompañada de carroza  ou similar, será por conta daquela todo o necesario para garantir a seguridade tanto dos peóns como dos compoñentes das comparsas.
 
5.- Cada  comparsa deberá interpretar ante o público nas instalacións destinadas ao evento un máximo de dúas cancións ou de dúas parodias ou bem,  dunha parodia e dunha canción. Polo menos unha delas terá que estar escrita e/ou ser interpretada en lingua galega, e un dos temas  deberá obrigatoriamente  versar sobre Valdoviño. As comparsas que necesiten música deberán facilitala ao Dpto. de Cultura en formato CD ou MP3 o mesmo día do festival.
 
6.- O tempo máximo de posta en escena para cada comparsa será de 10 minutos. As comparsas que superen o tempo regulamentariamente establecido  e permanezan no escenario despois de ser avisadas contará como penalización para o xurado.
 
7.- Cada comparsa entregará no Concello  copia das cancións ou guión das parodias a interpretar  . Esta copia  non ten porque acompañar á solicitude de inscrición mais si debe ser entregada antes da data de finalización do prazo .
 
8.- O Concello de Valdoviño facilitará copia das cancións a interpretar aos membros do xurado e a aquelas persoas que as precisen para o correcto desenvolvemento do evento. O Concello non terá copias a disposición do público, porén,  serán as propias comparsas as que libremente decidan distribuír a letra das súas cancións entre os asistentes ao festival. Dado o carácter humorístico desta festa tradicional, o Concello de Valdoviño  non asumirá responsabilidade algunha acerca das  letras, interpretacións e  disfraces das comparsas e antroidos participantes .
 
9.- O Concello de Valdoviño destina a cantidade máxima de 3.300,00 € en calidade de axudas para distribuír entre as comparsas participantes que teñan feito previamente inscrición atendendo ao escrito nas presentes BASES que se imputará  á partida orzamentaria 338.48900 do orzamento  do ano 2013, prorrogado  para o ano 2014.
 
10.- A cantidade destinada a axudas de participación será de 2.750,00 euros  e a cantidade máxima que recibirá cada comparsa que  reunan as condicións e requisitos esixidos nestas BASES será de 300’00 euros  para as comparsas  integradas por veciños do Concello de Valdoviño e de 250’00 euros para as comparsas integradas por veciños de outros concellos e,  en ambos casos, deben reunir as condicións e requisitos esixidos nestas bases.
Considerarase como comparsa de Valdoviño aquela na que o 60% dos seus compoñentes formen parte do  padron municipal.
 No caso de que esta cantidade estipulada  non fose suficiente para as axudas a repartir entre as comparsas participantes  , procederase a distribuír novamente e de forma proporcional o importe destinado a este fin.
As dúbidas que se puidesen presentar en canto a cuestións referidas a este apartado serán obxecto de resolución  por parte do persoal de Cultura encargado da organización.
 
11. – No referido ás axudas, o día do festival farase entrega de vales simbólicos aos participantes Os pagamentos faranse efectivos mediante transferencia bancaria na conta sinalada na documentación de inscrición na que deberá constar o IBAN e sempre e cando se cumpran os requisitos establecidos.
 
12.- Con independencia da axuda económica de participación establecense estas outras :
Á MELLOR COMPARSA 2014 : 250,00 EUROS
AO MELLOR PASARRÚAS 2014: 150 EUROS
AO MELLOR VESTIARIO 2014: 150 EUROS
 
13.- As axudas poderán ser acumulativas. Calquera outra decisión corresponderá ao xurado.
 
14.- O xurado estará integrado por un representante de cada unha das comparsas que poderá votar a todas menos a aquela que representa. O día do festival presentarase ante o persoal da Casa de Cultura antes de que comece o pasarrúas para que se lle explique o sistema de puntuación. O representante elixido como xurado terá o obriga de permanecer no lugar habilitado para tal fin e de visionar todas as actuacións. O abandono por parte da persona do xurado sen previo aviso á organización e sen causa xustificada significará a descualificación da comparsa á que representa. Outros imprevistos serán solucionados atendendo ao punto 18. En caso de empate nos premios,  a cantidade indicada repartirase a partes iguais entre as comparsas obxecto do mesmo. Como criterios de valoración o xurado terá en conta a orixinalidade e vistosidade do disfrace, a posta en escena, as letras das cancións ou parodias, a simpatía  e a animación de rúa  que realice o grupo participante. A resolución do concurso terá lugar o mesmo día 8 de marzo. A comparsa ganadora  do premio “MELLOR COMPARSA” repetirá a interpretación, poñendo deste modo fin ao festival.
 
15.- As comparsas  inscritas asomen tamén  o compromiso de desfilaren en pasarrúas  e facendo a animación propia destas festas tradicionais polo percorrido que  indicará  a organización e que comprenderá o seguinte tramo : saída dende a estrada do centro de saúde do concello, saúdo a autoridades e xurado  situados na terraza da Casa de Cultura, desfile pasando diante do edifico do xulgado e mercado e volta á entrada da  Casa de Cultura. O pasarrúas dará comezo ás 18’00 horas. O Concello de Valdoviño resérvase o dereito de anulación do desfile por causa de forza maior.
 
16.- A orde de actuación das comparsas e de desfile no pasarrúas  corresponderase coa orde de inscrición.
 
 17.- A inscrición no concurso enténdese como aceptación plena das Bases fixadas para o mesmo sen que poidan formularse reclamacións de ningunha clase e por ningún concepto contra o aquí regulamentado. O incumprimento  dará lugar á descualificación automática da comparsa participante.  Non serán admitidos comportamentos vexatorios ou de mal gusto que excedan o espírito crítico, satírico e lúdico do Entroido.
 
18.- Os imprevistos  e dúbidas  que puidesen xurdir no desenvolvemento do concurso resolveranse segundo criterio dos responsables da área de Cultura do Concello de Valdoviño. O Concello de Valdoviño no se fai responsable das accións realizadas por grupos ou persoas disfrazadas non inscritas para desenvolvemento da presente actividade. En todo caso as persoas participantes deberán acatar as indicacións do persoal da área de Cultura  e/ou  da Policía Local.
 
19.- O día da celebración da actividade levantarase acta sobre  premios acadados e imprevistos  e posteriormente emitirase o informe correspondente para seguidamente poder proceder cos pagamentos que cumpridamente se deban de facer atendendo ao estipulado nas presentes Bases.
 
20.- Como anexo a estas bases figura a documentación para inscrición.
 
En todo o que non está previsto nestas bases terá de aplicación supletoria a lei xeral de subvencións 38/2003.