Cáritas Valdoviño e Meirás reciben 500 kgs de alimentos recadados na I Quedada Moteira organizada polo Cámping A Lagoa

Eliseo Carballeira, en representación do Cámping municipal A Lagoa, fixo entrega esta tarde a Cáritas dos alimentos recadados na primeira edición da Quedada Moteira. Unha cita celebrada a primeiros de mes e na que participaron 70 motocicletas. O Cámping A Lagoa, promotora da mesma, quixo outorgarlle un marcado carácter solidario e, por isto, decidía que unha parte da recadación se destinaría a colaborar coa labor de Cáritas Valdoviño e Meirás. Así, eses fondos permitiron adquirir ata 500 quilogramos de alimentos.
 

NOTA INFORMATIVA PISCINA

O Concello informa de que se ve obrigado a anular a actividade de piscina incluída na oferta deportiva no CPI Atios. A decisión adoptouse despois dos problemas rexistrados na piscina de Caranza e ante a imposibilidade de conseguir oco noutras instalacións, xa que teñen todas as horas cubertas. No momento no que se solucione o problema e se dé garantía de continuidade, retomaríase a actividade. Pídese desculpas de antemán polas molestias causadas.

XVII Campionato de Surfcasting por parellas este sábado na praia da Frouxeira

Un total de 13 parellas tomarán parte este sábado 26 de outubro no XVII Campionato de Surfcasting por parellas que se celebrará na praia da Frouxeira. Organizado pola Peña O Rodaballo, a cita conta coa colaboración do Concello de Valdoviño, que patrocina ademais dous trofeos para os dous mellores clasificados empadroados no municipio.
 

O Concello convida á veciñanza a achegar as súas fotografías de Valdoviño para confeccionar o calendario municipal do 2020

Queres que unha fotografía túa apareza no calendario que editará o Concello de Valdoviño do 2020? Se estás interesado/a participa enviando unha ou varias imaxes a partir de mañá venres, 25 de outubro e ata o 10 de novembro á web do Concello.
 

A Mancomunidade promove un curso gratuíto de monitores de surf de nivel 2

A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, coa colaboración da Deputación da Coruña, ofrecerá un curso de monitores de surf de nivel 2 a persoas empadroadas nos 21 concellos integrantes no Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas. Entre eles, Valdoviño.
 
Esta iniciativa forma parte da aposta por desenvolver o turismo activo no territorio, aproveitando a visibilidade internacional do surf para crear emprego arredor deste deporte e do resto de actividades implantadas no territorio (kaiak, rutas a cabalo, windsurf... e un longo etcétera).
 

Páxinas

Subscribirse a Concello de Valdoviño RSS