O Concello de Valdoviño celebra este domingo a súa Milla Urbana

O Concello de Valdoviño celebra este domingo 29 de setembro a IV Milla Urbana. O paseo da lagoa da Frouxeira convertirase no privilexiado escenario da cita deportiva, dirixida a nenos e maiores e cun marcado carácter solidario. Así, o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, explicou que a recadación íntegra das inscricións destinarase a Cáritas Valdoviño e, para aqueles que desexen colaborar pero non poidan participar, habilitouse o Dorsal O. O custe da inscrición fixouse en 3 euros para maiores de 18 e gratuíta para menores desa idade.

As actividades deportivas municipais no CPI Atios arrancarán a próxima semana

Xuntanza sobre extraescolares
Xuntanza sobre extraescolares

O alcalde, Alberto González, xunto ao concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, a técnica municipal Natalia Prieto, o equipo docente e representantes da ANPA Beiramar mantiñan esta tarde na Casa da Cultura unha xuntanza informativa coas familias dos nenos e nenas anotados nas actividades deportivas municipais que se celebrarán este ano no CPI Atios. Na mesma, dábase conta da programación, que arrancará a próxima semana, e buscábase solventar as súas dúbidas.
 

O Concello organiza un novo curso de preparación para a obtención do título de Educación Secundaria Obrigatoria

O Concello de Valdoviño, dende o departamento municipal de Servizos Sociais, e en colaboración coa Fundación ECCA organiza un ano máis o curso de preparación para a obtención do título da ESO para persoas adultas e competencias clave nivel 2 e 3.
 
O prazo de inscrición está aberto na concellería –planta baixa da casa consistorial- ponse tamén a disposición das persoas interesadas o teléfono 981 48 70 41 extensión 5. As clases comezarán o 3 de outubro e desenvolveranse en horario de mañá dous días á semana no Centro de Maiores.

O prazo para anotarse no curso gratuíto “Coidar ao coidador” remata este venres

O prazo para anotarse no curso « Coidar ao coidador » que promove o Concello de Valdoviño e AFAL Ferrolterra conclúe este venres, 27 de setembro. A acción formativa é completamente gratuíta e está dirixida ás familias coidadoras de persoas afectadas de alzheimer e/outras demencias. Desenvolverase en dúas xornadas, os días 3 e 4 de outubro, no salón de plenos da casa consistorial, en horario de 15 a 19 horas. Así, as persoas interesadas en anotarse deben facelo no departamento municipal de Servizos Sociais (planta baixa da consistorial ou teléfono 981 48 70 41).
 

A Casa da Cultura acolle este xoves unha xuntanza informativa sobre as actividades municipais deportivas no CPI Atios

O auditorio da Casa da Cultura de Valdoviño acollerá este xoves, 26 de setembro, unha reunión informativa sobre as actividades deportivas municipais que se levarán a cabo no curso 2019/2020 no CPI Atios, e que este ano organiza por segundo ano consecutivo o Concello de Valdoviño.
 
Comezará ás 17 horas e nela darase conta do calendario, docentes ou desenvolvemento das actividades, ao tempo que se abrirá unha quenda de preguntas para solventar as dúbidas das familias.
 

Páxinas

Subscribirse a Concello de Valdoviño RSS