O Concello amplía as clases de ioga a Vilaboa

O ioga estase a consolidar como unha das actividades deportivas da programación municipal con maior demanda entre a veciñanza. Así o constatan as cifras de persoas que solicitan ano tras ano a actividade e que levou ao Concello a crear, o pasado exercicio, dous grupos na parroquia de Valdoviño. Así mesmo, pechado o prazo de inscrición deste curso, e ante a necesidade de conformar unha lista de espera de por si significativa, a Concellería de Deportes que dirixe Sergio Saavedra acordaba poñer en marcha a actividade tamén en Aviño.

O Concello denuncia a sustracción das placas recén instaladas nas fontes públicas

O Concello de Valdoviño iniciaba esta semana a colocación de placas coa advertencia de auga non potable en dez fontes públicas nas que se dá esta circunstancia. E, en menos de dous días, dúas delas xa foron sustraídas. Concretamente, en San Mamede e Vilarrube. Uns feitos que lamenta e condea o Concello.
 

José Ramón Bacorelle Robles, mellor xefe de policía local dos municipios galegos de menos de 25.000 habitantes

Tras máis de dúas décadas como xefe da Policía Local de Valdoviño, ofrecendo un servizo próximo á veciñanza e un traballo comprometido co municipio, José Ramón Bacorelle Robles recibía esta mañá o recoñecemento tamén dos seus compañeiros e compañeiras. Por votación entre os mandos de toda Galicia, era elixido como o mellor xefe de Policía Local en municipios de menos de 25.000 habitantes. Unha distinción que compartía tamén con Manuel Castro, xefe de Policía Local de Caldas de Reis.
 

Cáritas Valdoviño e Meirás reciben 500 kgs de alimentos recadados na I Quedada Moteira organizada polo Cámping A Lagoa

Eliseo Carballeira, en representación do Cámping municipal A Lagoa, fixo entrega esta tarde a Cáritas dos alimentos recadados na primeira edición da Quedada Moteira. Unha cita celebrada a primeiros de mes e na que participaron 70 motocicletas. O Cámping A Lagoa, promotora da mesma, quixo outorgarlle un marcado carácter solidario e, por isto, decidía que unha parte da recadación se destinaría a colaborar coa labor de Cáritas Valdoviño e Meirás. Así, eses fondos permitiron adquirir ata 500 quilogramos de alimentos.
 

NOTA INFORMATIVA PISCINA

O Concello informa de que se ve obrigado a anular a actividade de piscina incluída na oferta deportiva no CPI Atios. A decisión adoptouse despois dos problemas rexistrados na piscina de Caranza e ante a imposibilidade de conseguir oco noutras instalacións, xa que teñen todas as horas cubertas. No momento no que se solucione o problema e se dé garantía de continuidade, retomaríase a actividade. Pídese desculpas de antemán polas molestias causadas.

Páxinas

Subscribirse a Concello de Valdoviño RSS