A Mancomunidade fai un chamamento á responsabilidade da cidadanía para non dar pasos atrás na loita contra a covid-19

A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol celebrou esta tarde unha reunión telemática na que os representantes dos nove municipios (Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Ferrol, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño) acordaron facer un chamamento á responsabilidade da cidadanía nesta fase 1 do retorno á normalidade. Os alcaldes piden que se cumpran as medidas establecidas polas autoridades para que non se malogre a tendencia á baixa nos casos de covid-19. Tamén informaron de que durante os próximos días se van redobrar esforzos por evitar condutas de risco e que estean prohibidas, ao tempo que quixeron valorar a actitude da maior parte da poboación, que está seguir as indicacións dunha maneira estrita, fronte aos incumprimentos dunha minoría. Como parte deses dispositivos de control, hoxe as forzas de seguridade identificaron en Valdoviño a máis de 100 persoas. 

 

Segundas residencias

A entidade supramunicipal tamén lembra que as segundas residencias non se poden considerar domicilios, o que implica que aínda que estea permitido visitalas, non o está saír delas para pasear ou facer deporte pola zona. Esas actividades só se poden levar a cabo nas inmediacións da primeira vivenda, no mesmo municipio onde se está domiciliado.