O refuxio de Mougá volverá entregar animais en adopción a partir do luns

A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol ten previsto volver prestar o luns o servizo de adopción no Refuxio de Animais de Mougá. O centro mantivo a súa actividade esencial durante a crise sanitaria. Non obstante, no momento en que se decretou o estado de alarma, suspendeu a atención ao público para adopcións, en concordancia coas medidas de confinamento, xa que a visita ao centro non se considera un desprazamento xustificado, e para evitar a propagación do virus. Isto tamén impediu posibles picarescas de persoas interesadas en adoptar co único fin de dispoñer dun pretexto para saír á rúa.
Dende o vindeiro luns, sempre que se confirme a entrada na fase 1 do Plan para a transición cara unha nova normalidade, esta situación vai cambiar. As persoas interesadas en adoptar un animal serán recibidas no centro mediante cita previa, que se concederá chamando ao teléfono 633 381 763 ou a través da dirección de correo electrónico refuxio@ferrol.es.
Os animais de compañía foron un apoio psicolóxico fundamental en moitos fogares durante o confinamento. A adopción de animais, tanto en Mougá como en calquera outro centro de recollida de animais autorizado pola Xunta de Galicia (na comarca existe tamén o centro xestionado pola Asociación Cometa en Narón), é un acto solidario e responsable.