O Concello habilita unha conta para canalizar a solidariedade veciñal cara os servizos sociais municipais

O Concello de Valdoviño informou esta mañá dunha conta específica aberta para os Servizos Sociais municipais. Dase así resposta ás peticións trasladadas por veciños e veciñas, empresas e negocios locais que desexan realizar unha aportación económica solidaria nesta situación de alarma sanitaria. Unha axuda que xa se materializou en casos como o da Fundación da Cooperativa de Vilaboa, que entregaba un cheque por valor de 6.000 euros para contribuír aos programas do departamento municipal.
 
O certo é que as mostras de axuda e colaboración por parte da sociedade valdoviñesa non cesan. Todo o mundo está a implicarse dende os seus diferentes ámbitos en combatir esta situación. Co seu tempo, coa donación de material, coa adquisición de recursos, coa contribución do seu traballo… e nas últimas semanas o Concello ten recibido unha morea de solicitudes para realizar aportacións tamén económicas dirixidas á veciñanza en situación de especial vulnerabilidade. Así, o Concello informa agora desta conta: Abanca IBAN ES47 2080 0213 5431 1000 0026. Á hora de realizar a donación, debe figurar como concepto: Donación solidaria COVID19 Servizos Sociais.
 
Lémbrase tamén que, unha vez superada esta situación, as persoas que realizaron as súas donacións poderán solicitar ao Concello un certificado que acredite o feito, permitíndolle desgravar a cuantía na declaración da renda do ano 2020.
 
Pero, en que se traducirá esa aportación económica? Fundamentalmente, en axudas de emerxencia social. Recursos de todo tipo -alimentos, menciñas, abono de alugueres…- dirixidos a aqueles veciños e veciñas que peor o están a pasar, garantizándose o acceso aos recursos de primeira necesidade.
 
Por último, o Concello quere agradecer a solidariedade de todos os veciños e veciñas, que están a dar un auténtico exemplo.