O Concello de Valdoviño activa unha liña telefónica de apoio psicolóxico

O Concello de Valdoviño vén de activar un servizo de apoio para aqueles veciños e veciñas que nestes momentos de confinamento se sintan mal e precisen de axuda psicolóxica ou necesiten falar. Deben descolgar o teléfono e chamar aos números 981 487 041 (extensión 5) ou 618 691 091.
 
Explican dende o Concello que o feito de estar tantos días de recollemento na casa, sen actividade física, sen exterior, sen contacto con familiares, sen actividade laboral ou sen respiro nos coidados de persoas dependentes, poden supoñer un malestar emocional xeneralizado. Podemos sentir unha maior sensación de soidade, de inseguridade e medo, de preocupación pola saúde ou pola situación económica, e poden aparecer por tanto emocións desagradables como é o nerviosismo, a angustia, o estrés ou tristura.
 
É importante identificar como nos sentimos e como está o noso corpo, para poder tomar medidas ou facer actividades que nos axuden a manter o benestar físico e emocional. Nesta liña, o Concello, a través de Servizos Sociais, ofrece unha serie de recomendacións para tentar combatir esta situación. Son as seguintes:
 
-Evitar a sobre información sobre o coronavirus. Non estar permanentemente falando do tema nin estar conectado todo o día aos medios pendente da información.
-Usa o sentido do humor e conecta coas iniciativas sociais para facer parte da comunidade e da súa unión para levar mellor esta situación (recursos nas redes, comunicación polas xanelas...).
-Procura facer actividades diversas e variadas e aproveitar o tempo de descanso (ler, escoitar música, pintar…). É importante tamén na medida do posible ter todos os días unha hora de movemento físico (bailar, andar, estirar...)
-Lembra que tes capacidade para afrontar e manexar circunstancias adversas que se presentan na túa vida. É un desafío que podes superar.
-Se a túa situación persoal ou económica variou e tes dificultades, ponte en contacto con axentes sociais profesionais que axudarán a cubrir as túas necesidades básicas.
-Tenta manter comunicación diaria con persoas coas que tes vínculo afectivo e comparte con elas como te sentes.
-Esta situación é xeneralizada e outras persoas se senten coma ti. Nun tempo todo volverá á normalidade.