O Concello insta a Xunta e Goberno central a asumir o custo da prestación do servizo de axuda no fogar

O pleno do Concello de Valdoviño aprobou instar á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado a asumir o custo da prestación do servizo de axuda no fogar, unha competencia que lles é propia ou, cando menos, dotar aos concellos das cantidades orzamentarias suficientes para facerlle fronte, chegando como mínimo á aportación que fai a Deputación. Así mesmo, acordou solicitar á Administración galega unha negociación cos concellos, a través da Fegamp, encamiñada á aprobación dun sistema de financiamento xusto e acorde coas condicións laborais do ano 2020 que permita ás entidades locais manter e mellorar o servizo de atención á dependencia e axuda no fogar. Un diálogo que debe iniciarse nos primeiros catro meses deste ano. Estas demandas recolléronse nunha proposta de alcaldía presentada a pasada semana no pleno ordinario municipal, aprobada pola corporación sen un voto en contra.
 
Na exposición de motivos, sinálase que os concellos son a administración máis próxima á cidadanía, pero están a asumir cada vez máis competencias impropias, sen que veñan acompañadas do suficiente e/ou correspondente financiamento co que facerlles fronte. A axuda no fogar é unha delas, xa que corresponde a Xunta e Goberno central. A primeira aporta dende 2008 9,70 euros/hora (como máximo) sen levar a cabo ningunha actualización dende entón. A Deputación aporta, dende ese mesmo ano, 12 euros/hora, un prezo máis acorde co custe total do servizo. Así, o que está a ocorrer neste momento, é que os concellos se vén na obriga de actualizar as licitacións para a prestación do servizo, con actualizacións do prezo que van dende os 14 euros/hora xa que, como é o normal, nos últimos anos, os salarios incrementáronse e os convenios colectivos actualizáronse.
 
Dito incremento de prezo/hora redunda, en grande medida, nunha xusta mellora nas precarias condicións contractuais que a día de hoxe sofren as traballadoras (na súa inmensa maioría) e os traballadores deste servizo, e nunha mellora das prestacións ás persoas usuarias (fundamentalmente persoas maiores e dependentes). En todo caso, e tendo en conta este contexto, faise máis necesario que nunca que Xunta e Goberno central asuman as súas competencias e custos derivados da prestación do servizo.