O Concello promove unha xornada entre empresas e autónomos locais para impulsar sinerxias e novas oportunidades de negocio

O Concello de Valdoviño organiza unha xornada dirixida a empresas e persoas autónomas do municipio co ánimo de dar a coñecer os seus servizos e establecer redes de colaboración. Celebrarase o xoves 20 de febreiro ás 20 horas no salón de actos da Casa da Cultura. Aberta a todos os sectores económicos, as firmas e autónomos interesados en tomar parte deben formalizar a súa inscrición no seguinte enlace http://bit.ly/xornadaempresas antes do 14 de febreiro.
 
Segundo explicou o alcalde, Alberto González, o obxectivo do encontro pasa por establecer contactos entre todas as entidades que estean a traballar no territorio local, co ánimo de darlles a oportunidade de darse a coñecer e establecer sinerxias. Sinalou que a iniciativa responde a unha demanda do sector turístico e hostaleiro, pero aberta a todas as actividades económicas.
 
Así mesmo, o Concello poderá confeccionar e actualizar a súa base de datos para futuras accións específicas e as empresas terán a oportunidade de dar a coñecer os seus servizos ante o propio tecido empresarial (buscando sinerxias, ventas cruzadas, novas oportunidades de negocio e novos proxectos ou mesmo valorar a posibilidade de activar algunha asociación profesional).
 
En función do número de inscricións e perfís, organizarase a orde do día e a metodoloxía. Así mesmo, os participantes terán a opción de expoñer folletos, tarxetas de visita e material promocional nun espazo habilitado a tal efecto.