O Concello abre o prazo de inscrición no novo programa “Concilia Mañás!”

O alcalde, Alberto González, anunciou esta mañá que o Concello poñerá en marcha o programa «Concilia mañás!», un servizo de conciliación da vida laboral e familiar e almorzos que se vai a levar a cabo nas instalacións do CPI Atios de luns a venres de 8 a 9,30 horas. Mañá xoves 23 de xaneiro ábrese o prazo de inscrición no programa, dirixido a nenas e nenos de entre 3 e 12 anos. A intención do Concello, segundo o alcalde, é manter ese prazo aberto ata o 30 de xaneiro, de modo que o servizo se poida activar xa en febreiro. As persoas interesadas poden formalizar a inscrición no departamento municipal de Servizos Sociais (planta baixa da casa consistorial) e teñen á súa disposición o teléfono 981 48 70 41 extensión 5.
 
O custe do servizo será de 30 euros ao mes, cun desconto do 20% por irmáns/ás. Terán preferencia as persoas de Valdoviño e familias con actividade laboral e as prazas están limitadas con proceso de baremación se hai maior demanda.
 
A idea é ofrecer un espazo de calma para iniciar o día con tranquilidade e desfrute dos sentidos: almorzo saudable, conversas, contos, música…
 
A mediados de novembro, o Concello animaba ás familias a cubrir unha enquisa para constatar a existencia de demanda do servizo, como así foi e, a partir de entón, activou o procedemento para habilitalo.