O Concello tramita as solicitudes para optar ao pagamento único por fill@s menores de 3 anos

O Concello de Valdoviño, a través da Concellería de Servizos Sociais Comunitarios, vén de informar da apertura do prazo para presentar as solicitudes para beneficiarse do pagamento único por fillas e fillos menores de 3 anos. Así, as persoas interesadas en anotarse a este programa poden dirixirse ao departamento municipal de Servizos Sociais –pranta baixa da casa consistorial-, onde recibirán a información necesaria sobre a documentación a entregar e, ademáis, as técnicas municipais encargaranse de tramitar as solicitudes.
 
Poderán beneficiarse da iniciativa as persoas que teñan fillas ou fillos menores de tres anos nados entre o 1 de xaneiro de 2017 e o 31 de decembro de 2017, ambos os dous días incluídos, e que, durante o ano 2018, nin elas nin ningunha das persoas que compoñen a unidade familiar estivesen obrigadas a presentar a declaración polo IRPF correspondente a este período, nin a presentasen de xeito voluntario aínda sen estar obrigadas a iso.
 
A contía consistirá nun pagamento único por cada filla ou fillo menor de tres anos sen que a mesma filla ou fillo poida dar lugar a máis dunha prestación en virtude desta convocatoria. A contía será a seguinte: cando sexa a primeira filla ou fillo: 360 euros; cando sexa a segunda filla ou fillo: 1.200 euros; cando sexa a terceira ou terceiro e sucesivos: 2.400 euros.
 
Entre os requisitos a cumplir está que as persoas proxenitoras teñan a súa residencia habitual en Galicia e que na data da solicitude os nenos ou as nenas convivan coa persoa solicitante. Os requisitos para ter dereito a esta prestación deberán reunirse o último día do prazo de presentación de solicitudes. Esta subvención é unha convocatoria de axudas promovida pola Xunta de Galicia.