Concerto PunkInfantil este domingo para nenas e nenos na Casa da Cultura

A programación cultural deseñada polo Concello de Valdoviño para esta época de Nadal continuará este domingo 29 de decembro cunha proposta pensada especialmente para os/as máis pequenos/as da casa e as súas familias. O auditorio da Casa da Cultura acollerá o concerto PunkInfantil, con Peter Punk Pallaso e Brais das Hortas. Unha función que arrancará ás 18 horas con entrada libre e de balde ata completar aforo. A proposta está incluída na Rede Cultural da Deputación provincial da Coruña.
 
O concerto PunkInfantil é a nova tolemia de Brais das Hortas e Peter Punk Pallaso. Unha proposta a medio camiño entre un espectáculo teatral e un musical. O novo espectáculo de Brais das Hortas e Peter Punk Pallaso flúe empregando a música como fío condutor, onde a técnica musical e a técnica teatral combínanse abríndoas cara a novos estilos e públicos. Un espectáculo musical e de clown para todos os públicos.
 
Dous músicos que chegan por equivocación a un mesmo escenario coa intención de ofrecer un concerto. O primeiro, un concerto infantil. O segundo, un concerto punk. Tras descubrirse e recoñecerse van confluíndo, progresivamente, nun espazo común: Un Concerto PunkInfantil.