O Concello aproba os investimentos a realizar con cargo aos fondos provinciais 2020

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, anunciou a aprobación en pleno, por unanimidade, dos investimentos que o Concello realizará con cargo aos diferentes plans e programas provinciais para o 2020. Así, a Achega 2019, por un importe de 51.909,44 euros destinarase á mellora dos locais sociais de Montefaro –Meirás- e Vilaboa, continuando coas actuacións xa realizadas en inmobles municipais como a reforma integral do de Aviño e a dotación dun módulo de aseos en Loira –coa próxima rehabilitación integral a punto de saír a licitación-. O préstamo 2020 destinarase á construción de tres novos vestiarios no campo de fútbol municipal de Mourente. A intervención conta cun orzamento de 129.441,35 euros e plantéase para dar resposta ás novas necesidades derivadas da reforma do campo, hoxe en día en curso, para a súa transformación no primeiro terreo de xogo de herba artificial do municipio.
 
Outros 66.443,33 euros desta liña de axudas irán dirixidos a tres actuacións en materia de saneamento na parroquia de Lago: a mellora da estación de bombeo de A Torre; a posta en funcionamento do bombeo de Mosende e a dotación dun novo tramo da rede en Pazos.
 
Así mesmo, con cargo ao POS complementario, o Concello prevé destinar 248.515,20 euros para a execución dunha pista polideportiva e dúas pistas de pádel cubertas no espazo deportivo contiguo ao CPI Atios. Unha intervención incluída no proxecto de patios escolares que Concello e centro educativo están a impulsar. E, no mesmo programa, inclúese tamén unha partida de 32.125 euros para a construción do primeiro skatepark de Valdoviño, nas inmediacións da Casa da Cultura e do Centro de Saúde.
 
Finalmente, o POS 2020 destinarase na súa totalidade -237.000 euros- para gasto corrente, de modo que se liberen fondos do orzamento municipal para destinalos á posta en marcha ou reforzo de programas en materia social, cultural e deportiva, especialmente.