Valdoviño aposta pola colaboración público-privada como única vía para un desenvolvemento sostible do surf

A intervención do alcalde de Valdoviño, Alberto González, poñía hoxe fin o dous intensos días de debate, diálogo e exposicións en torno ao desenvolvemento sostible do surf. Un debate xerado no marco das I Xornadas Surf e Desenvolvemento sostible celebradas no Océano Surf Museo organizadas polo Concello coa colaboración de Deputación provincial da Coruña e Xunta de Galicia. No seu discurso de peche, a modo de conclusións, o rexidor apostaba pola colaboración público-privada como única vía posible para lograr un desenvolvemento sostible a través do surf. Aseguraba que Valdoviño tiña que ser ambicioso como Concello e, da man das escolas de surf implantadas no municipio, e da comunidade local, impulsar todas as medidas ao seu alcance para situar a Valdoviño como un destino turístico preferente. Iso si, sen perder os seus valores diferenciais que, en coincidencia coas escolas de surf, son unhas praias virxes, sen masificar, que favorecen un surf espiritual. Ese é o gran valor da nosa costa.
 
Así mesmo, Alberto González puxo en valor iniciativas como as Xornadas celebradas, xa que permiten coñecer experiencias doutros puntos do territorio nacional para quedarse co bo, importando proxectos viables e adaptables á realidade local, e evitando os erros cometidos. Insistiu en que o territorio e as escolas de surf implantadas en Valdoviño son os principais activos cos que conta o municipio para lograr ese obxectivo común de converter o surf nun motor de desenvolvemento económico sustentable, xenerador de riqueza e emprego e benestar social.
 
O programa da xornada de hoxe, precisamente, estivo centrado en casos de éxito implantados noutras comunidades autónomas. Foi o caso dos municipios de Castrillón (Asturias). A concelleira de Turismo, Mar González Iglesias, abordaba a participación da administración pública nun evento de surf como o emblemático Salinas Internacional Longboard Festival, con 18 edicións ás súas costas e declarado Festa de Interese Turístico Rexional, e o Surf, Music and Friends, que cumpriu as súas primeiras oito edicións. Luis Cayón, xerente do plan de surf de Ribamontán al Mar (Cantabria), abordaba o caso do seu municipio, no que se implantou o primeiro produto turístico do surf en España, convertíndose hoxe en día nun dos principais destinos de surf a nivel internacional. Un destino que atrae anualmente a máis de 16.000 persoas movidas polo surf (fronte ás 6.500 de hai dez anos) e cuxa industria do surf factura unha media anual de 4,3 millóns de euros.
 
Así mesmo, chegada de Euskadi, Ruth Jorde, responsable de Fomento de Donosti, abordaba a «Estratexia intelixente e sectorial: O impulso da industria do surf nun territorio», con especial incidencia nas liñas de actuación do Clúster Donostia Surfcity, que agrupa aos principais axentes do surf, toda a cadea de valor, e aposta pola innovación, a promoción e formación continua.
 
O valdoviñés Miguel Ángel Rodríguez Martínez, secretario xeral do Cabildo de Fuerteventura, profundizou na ordenación do surf como actividade de turismo activo, sinalando un camiño que pasa necesariamente pola planificación, e comprometeu o seu apoio e colaboración co Concello de Valdoviño en materia de asesoramento.
 
Así mesmo, María Teresa Fernández García, do municipio de Sopela (Euskadi), concluíu a rolda de ponencias coa charla: «Sopela Kosta Fest, deporte, festa e oportunidade de desenvolvemento económico».
 
Unha xornada que pecharon representantes das escolas de surf de Valdoviño nun coloquio guiado polo xeógrafo Ignacio García, da Federación Española de Surfing, e no que se abordou especialmente o uso e xestión das praias, así como a necesidade de que a ordeación das mesmas pase pola necesaria implicación das propias escolas.