Aberto o prazo para participar no Programa Integrado de Emprego de Galicia dirixido a mulleres de oito concellos da Mancomunidade

A Xunta de Galicia vén de conceder á Mancomunidade de Concellos de Ferrol unha nova edición do Programa Integrado de Emprego de Galicia, dirixido aos concellos de Fene, Ares, Cabanas, Cedeira, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño. A administración autonómica e o Servizo Público de Emprego Estatal financian esta convocatoria, subvencionada con 207.000 euros, dos 230.000 euros do custe total do proxecto. En total ofertaránse 100 prazas para os oito concellos, tal e como recalcaron as concelleiras de Servizos Sociais, Ana Belén Pérez e Pilar Caamaño.
 
Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, Operacións auxiliares de servizos de administracións xerais, Auxiliar de comercio, Alimentación: carnizaría/chacinaría; Hostalería: actividades auxiliares de restaurante/bar e Outros sectores (posibles prácticas sen vinculación a unha formación do PIE) son as propostas entre as que poderán elixir as destinatarias deste Programa Integrado de Emprego de Galicia. O programa comezará a principios do vindeiro ano e desenvolverase en instalacións dos distintos concellos da Mancomunidade.
 
Este Programa Integrado de Emprego de Galicia diríxese a mulleres desempregadas e con outros requisitos: con discapacidade, en risco de exclusión social, que acrediten condición de vítimas de violencia de xénero, menores de 30 anos cualificadas ou con baixa cualificación, maiores de 45 anos, perceptoras de prestacións, subsidios por desemprego ou renda activa de inserción, beneficiarias da axuda do programa de recualificación profesional e inmigrantes, tal e como figura na propia convocatoria. A selección das mulleres participantes realizarase a través do Servizo Público de Emprego. As persoas interesadas en asistir deben anotarse á maior brevidade na Oficina de Emprego da avenida de Vigo, en Ferrol, indicando o código 930 e manifestando o seu interese en participar neste programa.
 
Entre os obxectivos deste programa está “fomentar e promover a igualdade entre homes e mulleres xunto co reparto equitativo do coidado da familia e das tarefas domésticas”. A Mancomunidade pola súa parte comprométese a través dos concellos participantes a traballar ao longo deste programa sobre a importancia da corresponsabilidade e a conciliación da vida familiar e laboral a través de diversas ferramentas, como un servizo de  atención e coidado infantil, sesións individuais cos participantes e/ou as familias, horarios que favorezan a conciliación, actividades formativas mixtas…
 
O obxectivo mínimo de inserción para este ano do Programa Integrado para o Emprego de Galicia é do 35%. As persoas que participen no programa terán dereito a percibir unha bolsa de cinco euros por día de asistencia ás accións do programa, entendéndose como a asistencia a presenza física e non contando as faltas xustificadas nin sen xustificar.
 
Para máis información ou solventar dúbidas, as persoas interesadas poden dirixirse ao departamento municipal de Servizos Sociais de Valdoviño (planta baixa da casa consistorial ou chamar ao teléfono 981 48 70 41 extensión 5).