O Concello presenta “Valdoviño: Obxectivo Igualdade”, a folla de ruta da axenda política para os próximos 4 anos

Coincidindo co Día contra a Violencia Machista, o Concello de Valdoviño presentaba onte, 25-N, a Estratexia Municipal de Prevención de Violencias Machistas e Fomento da Igualdade entre Mulleres e Homes 2019-2023. O escenario elixido era a Casa da Cultura, nun acto aberto á veciñanza, e presidido polo alcalde, Alberto González. Xunto a el, a concelleira de Igualdade, Ana Belén Pérez; a educadora social, Iria García, e a responsable da cooperativa Arabías, Beatriz López, que guiou o traballo de elaboración.
 
A estratexia leva por título «Valdoviño: Obxectivo Igualdade» e, nesta liña, o rexidor explicaba que se trata da folla de ruta que definirá a axenda política para os próximos catro anos. Un documento coa vontade de artellar novas apostas para fortalecer o traballo que se vén desenvolvendo dende o Concello en materia de prevención de violencias machistas e de fomento da igualdade, cuxa elaboración vén derivada da necesidade de crear un pacto social municipal que xire arredor da loita contra a violencia machista e as desigualdades de xénero.
 
Alberto González explicaba que a súa elaboración comezou en abril e rematou hai escasos días. Trátase, engadiu, dun traballo minucioso centrado no estudo da realidade social municipal e na análise das políticas municipais dende unha perspectiva de xénero. Partindo dunha diagnose social conseguiuse deseñar novas medidas e accións que fortalecen políticas que xa estaban en marcha orientadas á promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes. 
 
Así, avanzaba que o traballo desenvolvido ten como eixos fundamentais a participación e a sensibilización. Nestes meses de traballo creáronse para iso diferentes espazos de debate e escoita da veciñanza. E, nese sentido, quixo agradecer a implicación de todas as persoas que participaron neles e traballaron coa vontade de converter a Valdoviño nun concello igualitario e libre de violencias machistas. Grazas ao persoal do CRA, do CPI de Atios, da ANPA, da Asociación de Mulleres Rurais, dos clubes deportivo, das asociacións veciñais, grupos políticos... e ás mulleres que ofreceron o seu tempo e esforzo.
 
Neste contexto, a concelleira Ana Belén Pérez incidía en que o documento contempla medidas que atravesan a administración municipal e activan os medios, mecanismos e recursos necesarios para cumprir coas obrigas legais e incorpora a igualdade de xénero como un tema fundamental no día a día da axenda política municipal nos vindeiros catro anos.
 
Iria García destacaba que «Valdoviño: Obxectivo Igualdade» é un documento dinámico que servirá de base para a planificación do traballo municipal e comunitario, unha aposta polas políticas de igualdades. Apuntaba tamén que o Concello contou para o seu financiamento coa axuda do Ministerio de Igualdade, a través do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.
 
Pola súa banda, Beatriz López explicou que a súa elaboración seguiu un procedemento 100% participativo no que se tentou sempre escoitar á veciñanza e establecéronse compromisos concretos, con asignacións orzamentarias e plazos para materializalos. Así, constatou que a estratexia levarase a pleno para lograr o respaldo explícito de toda a corporación; implicarase a todas as áreas municipais para implantar medidas transversais; levarase a cabo un plan de formación enfocado á plantilla municipal para lograr a súa implicación plena; crearase unha comisión de igualdade para velar polo cumplimento do plan; buscarase a creación dun contexto igualitario na administración local, que inclúe a elaboración dun protocolo de actuación fronte ao acoso e medidas de conciliación; reforzarase o traballo que se está a realizar no eido educativo, ampliando a participación das familias; fomentarase a práctica deportiva feminina e visibilizarase o papel das deportistas locais; intensificarase o apoio ás asociacións de mulleres e fomentarase a formación dirixida a estas en sectores con menor representación e máis difícil inserción laboral; impulsaranse os valores de corresponsabilidade e darase visibilidade aos traballos vencellados aos coidados; aumentaranse os recursos para manter no tempo as accións de sensibilización, e revisaranse os espazos públicos para evitar a sensación de inseguridade, entre outras cuestións.
 
O Concello entregou ás persoas asistentes exemplares da mesma. En todo caso, pode consultarse no seguinte enlace (Estratexia Municipal de Prevención de Violencias Machistas e Fomento da Igualdade entre Mulleres e Homes 2019-2023) ou recoller un dos libriños na Concellería de Servizos Sociais –planta baixa da casa consistorial-.