O Concello de Valdoviño organiza as I Xornadas Surf e Desenvolvemento Sostible

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, avanzou esta mañá a celebración no municipio das I Xornadas Surf e Desenvolvemento Sostible, que terán lugar o xoves 28 e o venres 29 de novembro no Océano Surf Museo. Segundo explicou, con elas búscase crear unha canle de diálogo entre as entidades que, tanto no concello como na bisbarra, desenvolven a súa actividade económica en torno ao produto de surf, e o seu obxectivo fundamental é mellorar a competitivade do sector no territorio. Para iso, nas xornadas daranse a coñecer iniciativas xa consolidadas e de boas prácticas en comunidades como Asturias, Cantabria, Euskadi ou Canarias, e reflexionarase sobre o desenvolvemento dunha industria que debe ter en conta a conservación do medioambiente, o respeto pola cultura do surf, o desenvolvemento económico e social da poboación local, a innovación e a profesionalización das empresas creadas ao abeiro deste produto. A participación nas mesmas é de balde, pero requírese de inscrición previa no correo oceanosurfmuseo@gmail.com.
 
Celebraranse en horario de mañá e tarde e incluirán conferencias, coloquios e sesións de cine. Arrancarán o xoves 28 ás 10 horas con ponencias cun marcado carácter medio ambiental, de media hora, e a cargo de Tony Butt, de Save the Waves, que disertará sobre o efecto dos plásticos no medio; Vicente Irisarri e Juanjo González, que presentarán o proxecto “Galicia Surfing Sostible”, e David Blanco, de Surf and Clean, que falará das boas prácticas ambientais para os negocios de turismo e surf. Ao seu remate, celebrarase o acto de inauguración oficial, presidido polo alcalde de Valdoviño e con representación de Xunta, Deputación e Federación Española de Surf.
 
Regresarán as conferencias a partir das 12,30 horas, coa intervención do deputado provincial de Turismo, Xosé Regueira Varela, centrada no surf como elemento de desenvolvemento local. Seguiralle a exposición da organización do Pantín Classic e da Mancomunidade, sobre a marca Costa das Ondas.
 
Trala pausa para o xantar, as xornadas retomaranse ás 16,30 horas, coa participación de representantes de Euskadi, que abordarán o impacto económico da industria do surf no territorio, e ás 17 horas, coloquio sobre o surf e a capacidade de carga en praias e destinos con Angel Lobo, presidente da Federación canaria de Surf; Juanjo González, de Alianza y Naturaleza, e Alberto González, rexidor de Valdoviño. O primeiro día destas xornadas pecharase coa proxección do filme Artifishal- O camiño para a extinción está pavimentado de boas intencións.
 
A xornada do venres 29 de novembro arrancará ás 9,30 horas coa exposición de diversos casos de éxito exportables ao territorio. Serán Euskadi (o caso de Sopela, no que profundizará María Teresa Fernández García, representante do municipio); Asturias (Mar González Iglesias, do municipio de Castrillón, abordará a participación pública nun evento de surf. Festival de surf en Salinas); Cantabria (Luis Cayón, xerente do plan del surf de Ribamontán al Mar, falará sobre surf a toda costa, primeiro produto turístico do surf en España); Canarias (Angel Lobo disertará sobre a protección das olas como recurso natural, económico e deportivo, e o valdoviñés Miguel Ángel Rodríguez Martínez, secretario xeral do Cabildo de Fuerteventura, que abordará a ordenación do surf como actividade de turismo activo).
 
A xornada continuará cun coloquio sobre a ordenación de usos das praias, no que tomarán parte Jesús Busto, do Oceano Surf Club, e representantes das escolas de surf locais Alawa Surf Camp e Pantín Surf Camp, así como o representante da Federación Española de Surfing, Nacho García Mera.
 
E, xa en horario de tarde, a partir das 16 horas, sesión de cine e posterior charla coloquio baixo o título “A industria cinematográfica do surf, outra oportunidade de desenvolvemento profesional no entorno do surf”.
 
A clausura virá precedida da presentación da Rede Villas do Surf.