O Concello investirá 19.000 euros no acondicionamento do parking do CPI Atios

O alcalde, Alberto González, informou de que o Concello investirá 19.000 euros nunha ambiciosa intervención para acondicionar o aparcadoiro contiguo ao CPI Atios. Con capacidade para máis dun centenar de vehículos, sitúase nunha parcela de 2.500 metros cadrados a escasos dous metros da entrada de acceso ao centro. Foi cedida ao Concello para este fin polos veciños Balbina Cal e Pablo Bouza. Unha cesión que se facía efectiva hai algo máis dun ano, constituíndo unha gran mellora para as familias que acoden cada día ás instalacións para deixar e recoller aos seus fillos e fillas e poñendo fin aos atascos na zona a primeira hora da mañá.
 
Para a súa posta a disposición, o Concello procedía á retirada dos eucaliptos que ata ese momento ocupaban os terreos e acondicionaba o chan, botando unha capa de zahorra e prensando a superficie. Creaba tamén dous accesos e instalaba barandillas, ao tempo que se abría unha gabia para a condución das augas pluviais.
 
Pasado un ano, e á vista da necesidade de reforzar a evacuación de augas pluviais nesta superficie, o Concello construirá unha cuneta de formigón que canalice e conduza esas augas. Así mesmo, procederá á aplicación dunha capa de rego asfáltico con diferentes canais para evitar o anegamento do terreo.
 
Para este fin, o goberno municipal levou ao pleno ordinario, celebrado onte, unha modificación de crédito que, entre outras intervencións, recolle a actuación no aparcadoiro. Unha iniciativa que respaldaron todos os grupos.