A Cooperativa de Vilaboa estrea gasolineira

A Cooperativa de Vilaboa inaugurará este venres 11 de outubro a súa estación de servizo. Será nun acto que dará comezo ás 13 horas e contará coa asistencia do alcalde, Alberto González, e máis da directiva e socios da entidade. Así o avanzou o xerente, José Ameneiros, para mostrar a satisfacción da cooperativa pola apertura, coa que se dá cumprimento a unha demanda latente na parroquia. Os seus veciños e asociados gañarán en comodidade, evitando realizar o traxecto de 10-12 kms que os separan da gasolineira máis próxima, situada na parroquia de Lago.
 
Así mesmo, Ameneiros avanza que os socios da cooperativa contarán xa dende a posta en servizo da gasolineira con descontos no prezo do combustible.
 
A gasolineira está situada na estrada de Valdoviño a Cerdido, fronte á propia cooperativa, será autoservizo e a forma de pago será con tarxeta, co que poderá utilizarse as 24 horas.