Valdoviño ofrece ás familias de persoas afectadas de alzheimer e outras demencias o curso gratuíto “Coidar ao coidador”

Dotar ás persoas coidadoras de coñecementos, estratexias e habilidades que as axuden a entender a enfermidade de alzheimer e a manexar as situacións que leva o coidado dunha persoa afectada é o obxectivo da acción formativa que o Concello de Valdoviño e AFAL Ferrolterra desenvolverán os días 3 e 4 de outubro no salón de plenos da casa consistorial. Un curso gratuíto pero que require de inscrición previa. Así, as persoas interesadas en tomar parte deben anotarse no departamento municipal de Servizos Sociais (pranta baixa da casa consistorial ou teléfono 981 48 70 41). O prazo conclúe o 27 de setembro.
 
Entre os contidos do curso, que se titula «Coidar ao coidador» e se celebrará en horario de tarde (de 15 a 19 horas), abordarase o envellecemento normal contra o envellecemento patolóxico; o concepto das demencias e os tipos, así como as fases da enfermidade e os síntomas. Tamén os trastornos psicolóxicos do comportamento e a comunicación coa persoa con demencia. Nunha segunda parte, tratarase o coidado da persoa coidadora, abordando os problemas aos que se enfronta, o síndrome do coidador ou aquelas medidasde coidado ao coidador.