A Feira Artesanal celebrarase no pavillón do Longoiro

A primeira Feira Artesanal que terá lugar este fin de semana en Valdoviño celebrarase finalmente no pavillón do Longoiro de Meirás, xa que os refachos de vento romperon a carpa na que se ía celebrar o evento na Porta do Sol.
 
A partir das 11 horas, sábado 14 e domingo 15, o público asistente poderá achegarse a unha morea de postos de artesanía. Unha oferta que se complementará con outras actividades lúdicas. Así, o sábado celebrarase un xantar popular con racións de paella, churrasco, chourizo, liscos, patacas, pan, viño, auga, postre e café (ao prezo de 18 euros) namentras que o domingo o menú incluirá mexilóns, xamón cocido, cachelos, pan, viño, auga, postre e café (16 euros). No caso dos menores de 10 anos, pagarán medio menú e pode facerse reserva nos seguintes teléfonos: 604 06 41 80, 600 84 36 60 e 667 47 42 17. Coa colaboración de Multiocio ET, no lugar habilitarase unha tirolina xigante e haberá atraccións para os nenos e nenas.
 
Ademais, na xornada do sábado, ás cinco da tarde, actuación estelar de Los Nostálgicos e, a partir das 19 horas a programación inclúe unha exhibición canina de agility, detección de substancias, obediencia... todo a cargo da Asociación Deportiva Canina Scintillas, tamén colaboradora coa cita. E, domingo, actuación de Jorge Latino a mediodía e á tarde. Nesta xornada, e tamén coa colaboración de Scintillas, desenvolverase a partir das 16,30 horas un concurso de mascotas.
 
Trátase dunha cita que, aínda que celebra a súa primeira edición, vén avalada polo bo facer da entidade organizadora, a Asociación Mulleres do Rural María del Mar Becerra, promotora entre outros eventos da Xuntanza de Palilleiras e Multilabores do Concello de Valdoviño.