A Deputación remata as obras da rotonda do CPI de Atios e avanza na ampliación da estrada que conecta Valdoviño e Cerdido

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, acompañado do alcalde, Alberto González, e das deputadas provinciais Ana Lamas e Carmen Muíño realizou hoxe unha visita ao municipio para supervisar distintas obras financiadas pola institución provincial no municipio.
 
Entre elas, supervisaron a mellora executada no punto quilométrico 0+675 da DP 2502, que da acceso ao citado centro escolar, onde a Deputación construíu unha rotonda que reemplaza á perigosa intersección (con apenas visibilidade) que existía neste punto e que facilita as manobras de cambio de sentido dos autobuses que realizan o transporte escolar do alumnado.
 
As obras permiten unha maior seguridade e unha maior fluidez do tráfico, xa que incluíron tamén a construción dun carril exclusivo de acceso ao aparcadoiro, o que evita que os autobuses e vehículos dos pais que levan aos nenos ao colexio obstrúan a estrada principal nas horas de entrada e saída do centro.
 
O presidente da Deputación e o alcalde de Valdoviño expresaron a súa satisfacción polo resultado dos traballos, resultado do compromiso adquirido por González Formoso na primeira visita que realizou a Valdoviño como presidente provincial.

Ampliación da DP 2502
Na mesma estrada DP 2502, que conecta os concellos de Valdoviño e Cerdido, Valentín González Formoso e Alberto González visitaron as obras de ampliación e mellora que se están executando entre os puntos quilométricos 3+000 e 5+600, que supoñen un investimento de 605.000 euros, aos que hai que sumar os 159.119 euros que a Deputación investiu na expropiación dos terreos afectados.
 
As obras iniciáronse no lugar de O Portedoso (cruce coa DP-7603) e discorren polo núcleo rural de Vilaboi, chegando ata o encoro das Forcadas. No vial principal, a calzada pasará de 5 a 7 metros de ancho e contará con beiravías laterais de 1 metro para mellorar a seguridade peonil. No caso do ramal no que tamén se executan as obras, pasará de 4,70 a 6 metros de ancho, colocando cunetas en ambas marxes.
 
Formoso afirmou que a Deputación aprobará proximamente un proxecto modificado que suporá un incremento de 88.717 euros para financiar a execución de cunetas de seguridade nos tramos con vivendas cercanas e a reposición dos numerosos servizos afectados pola ampliación do vial.
 
Visita a Cándido Hermida
Ademais de conectar Valdoviño e Cerdido, a estrada da acceso tamén á sede en Valdoviño do Grupo Cándido Hermida, que o presidente da Deputación e o alcalde de Valdoviño visitaron hoxe.
Ambos mandatarios, acompañados polo propio Cándido Hermida e o director xeral da compañía, Santos Pérez, percorreron as instalacións da nave, interesándose pola súa historia, a súa produción, as vendas e a importante presenza internacional da empresa. A de Valdoviño foi a sede inicial deste grupo empresarial que hoxe conta con seis centros de produción na comarca ferrolana.
 
Formoso destacou "a continua aposta pola innovación de Cándido Hermida, sen perder as raíces artesanais coas que comezou nun pequeno taller de ebanistería e que hoxe é líder no seu sector, da emprego a centos de persoas e exporta deste Ferrolterra a 77 países, traballando con algunhas das empresas máis importantes do mundo".
 
"Para a provincia da Coruña é un orgullo contar con empresas coma esta, que son referencia no seu sector e que levan os nosos produtos a todo o mundo", afirmou González Formoso.