V Carreira na Area este domingo na Frouxeira

A praia da Frouxeira acollerá, por quinto ano consecutivo, a Carreira na Area. Será este domingo, 25 de agosto, e as últimas inscricións poden realizarse o mesmo día da carreira, de 9:30 a 10 :30 horas na caseta de socorrismo. A inscrición é totalmente gratuíta e a carreira está pensada para todas as idades.

A entrega de dorsais realizarase media hora antes do inicio das carreiras, cuxos horarios varían en función das categorías se ben a primeira saída será ás 10 :30 horas. A entrega de trofeos e medallas será en torno ás 11 :45 horas na caseta de socorrismo.

A carreira arrancará da caseta de socorrismo ubicada no areal e alcanzará a zona de Outeiro, para regresar de novo ás instalacións municipais. A distancia a percorrer segundo a categoría é a seguinte: menores (ata nove anos): 200 metros; medianos (alevíns e infantís): 400 metros; maiores (dende cadetes a veteráns): 5.000 metros e adaptada (para persoas de todas as idades con diversidade funcional): 200 metros.

Asímesmo, o Concello avanza que haberá trofeos para os tres primeiros da categoría absoluta, tanto masculina como feminina, e medallas para todos/as os/as participantes das restantes categorías.

Esta Carreira, nun entorno natural único, foi recuperada polo Concello en 2015 tras un parón duns dez anos. Asímesmo, dende a Concellería de Deportes anímase a veciños e visitantes a participar na carreira e conseguir de novo que sexa un auténtico éxito.