Valdoviño celebra esta fin de semana a XXIII Baixada de Carrilanas de San Mamede

Valdoviño convertirase esta fin de semana na capital da velocidade e diversión grazas á súa tradicional Baixada das Carrilanas de San Mamede, que este ano acada a súa XXIII edición. Preto de 60 vehículos sen motor construídos en moi diversos materiais e un sinfín de formas competirán por ser os máis veloces nun percorrido que seguirán milleiros de seguidores e curiosos, fieis á cita.
 
Organizada pola Asociación Baixada de Carrilanas, conta coa colaboración do Concello de Valdoviño, e celebrarase do 9 ao 11 de agosto. O programa arrancará xa o venres coa apertura da zona de acampada para os participantes, aínda que as xornadas fortes serán sen dúbida sábado e domingo. O sábado, cos adestramentos de 17 a 20 horas e tamén unha morea de actividades complementarias como unha Torrada Carrilanera na carpa que se habilitará en San Mamede. Unha auténtica festa gastronómica que comezará ás 20 horas e que incluirá diferentes carnes, cachelos, pementos e pan ó prezo de 8 euros. E, coa cea, VI Festival de Karaoke. Nenos e mozos poderán tomar parte dende as 22 horas. As mellores voces recibirán premio, pero tamén se premiará a simpatía e bo humor sobre o escenario, con trofeo incluído. Iso si, para participar é preciso inscribirse previamente (a organización recollerá as solicitudes a partir das 19 horas).
 
O domingo, 11 de agosto, será a xornada central da Baixada de Carrilanas. De 12 a 13 horas celebrarase a baixada infantil, para nenos e rapaces de 6 a 13 anos, así como correpasillos, de 1 a 5. Unha carreira na que a diversión é o motor principal dos participantes. Ao remate, sobre as 13 horas, sesión vermouth e paellada de marisco a 6 euros a ración. Repostas as forzas arrancará a competición. Será ás 16,30 horas coa primeira saída oficial e, sobre as 18 h, a segunda. Ás 20 horas, regresará o concurso de saltos e, xa ás 21 horas, celebrarase a tradicional entrega de premios, que precederá á gran festa de clausura. Evidentemente, non só se premiará a velocidade e, amáis das máis rápidas, tamén terán premio as carrilanas máis humorísticas. Unha cita imprescindible no calendario festivo da Comunidade.