O Concello amplía as prazas para dar servizo á demanda de Concilia Tempos

O alcalde, Alberto González, informou esta mañá que o Concello decidiu ampliar este ano o número de prazas do programa municipal Concilia Tempos, garantindo que todos os nenos e nenas do Concello con necesidade de conciliación fosen atendidos/as. Así, aínda que inicialmente se ofertaban 20 prazas, a excelente resposta das familias derivou en 31 solicitudes, e a Administración local respondeu positivamente a todas elas. Trátase dun recurso para favorecer a conciliación familiar e laboral das familias do municipio nas vacacións escolares e contempla unha completa oferta de actividades de ocio didáctico para os máis pequenos e pequenas da casa, como roteiros, xogos, deportes, natureza, investigación...
 
Dirixido ás familias con nenos e nenas de 3 a 12 anos (escolarizados en Educación Infantil e Primaria), arrancaba este luns e celebrarase durante os meses de xullo e agosto, de 9 a 14 horas, na parroquia de Pantín, tendo o areal e o local social como escenarios principais.