Visita guiada ao Océano Surf Museo este mércores da man de Vicente Irisarri

O Concello de Valdoviño convida a veciños e visitantes a tomar parte mañá mércores 26 de xuño nunha visita guiada polo Océano Surf Museo, o primeiro adicado a este deporte en España. Será da man de Vicente Irisarri, socio fundador do Océano Surf Club e un dos promotores da creación do museo, que amosará a historia do surf galego máis aló do recollido nos libros. A visita dará comezo ás oito da tarde e inclúese na ampla programación deseñada no marco do Campionato de España de Surfing que se está a celebrar na praia da Frouxeira. As persoas interesadas en tomar parte poden reservar praza nas diferentes actividades a través deste formulario de inscrición: http://bit.ly/ACTIVIDADESOSM.
 
A continuación da visita guiada, a sala de exposicións temporais da Casa da Cultura albergará, a partir das 21:30 horas, a inauguración da exposición «A Forza da Costa das Ondas». Unha selección de fotografías relacionadas coa forza das ondas, a costa e a importancia do mar no territorio.
 
Así mesmo, a programación continuará o venres 28. Ás 22 horas está programado un obradoiro de foto surf baixo o título «Quedada ao solpor». Será a Asociación de Fotografía Ferrolterra quen guíe aos participantes na realización de fotografía marítima ao anoitecer. A actividade é gratuíta, pero con inscrición previa (http://bit.ly/ACTIVIDADESOSM). O sábado, a partir das 20 horas, o auditorio do Océano Surf Museo albergará unha sesión de videofórum con curtametraxes e documentais sobre a historia do surf no territorio. Pecharase esta cita de cine cunha produción que fará as delicias dos e das amantes do surf. E, para rematar esta programación, o domingo ás 12:30 h haberá unha nova visita guiada ao Océano Surf Museo.
 
O museo abre de luns a domingo e a entrada é gratuíta. Os horarios: de luns a venres de 12 a 14 h e sábados, domingos e festivos amplíao tamén á tarde, de 16 a 19 h. Con previa reserva, ofrece visitas guiadas ós centros educativos.
 
Por último, o Concello apunta que a charla prevista para este xoves baixo o título “O surf como modelo terapéutico alternativo que mellora a calidade de vida: inclusión social e prevención de enfermidades cognitivas” queda aprazada.