Encrucillada presentará na Frouxeira “Marbán”, o seu primeiro traballo discográfico

O grupo de música folk «Encrucillada» ofrecerá o vindeiro luns 24 de xuño un concerto único nun entorno único, o paseo da Frouxeira. Alí, nas inmediacións do parque, e a partir das 19 horas, presentará o seu primeiro traballo discográfico, que leva por título «Marbán». Unha actuación programada polo Concello de Valdoviño e incluída na Rede Cultural da Deputación Provincial da Coruña.
 
«Encrucillada» son Óscar Maceiras –bombo-; Héctor Piñeiro –tamboril-; Sara Guerreiro –voz e pandereta-; Javier Rodríguez –acordeón-; Alberto Maceiras – saxo-, e o músico local José Antonio López –gaita-. Todos eles, músicos da comarca –Fene, San Sadurniño, As Somozas, Narón e Valdoviño- con ampla traxectoria e xuntos en «Encrucillada» dende finais de 2015. O pasado ano sacaban ao mercado «Marbán», o seu primeiro disco, que inclúe 12 temas coa mellor música tradicional galega. Todos eles soarán o 24 de xuño na Frouxeira.