O pleno dá luz verde ao contrato das obras da primeira fase de construción do primeiro centro sociocomunitario de Valdoviño

O pleno municipal, reunido onte en sesión extraordinaria, daba luz verde á formalización do contrato da primeira fase das obras de contrución do que será o primeiro Centro Sociocomunitario de Valdoviño. O alcalde, Alberto González, explicaba que o Concello cumplimentaba o último trámite previo á firma do contrato, adxudicado á empresa Areco Arquitectura por un importe de 236.295,01 euros. Así mesmo, González engadiu que a segunda fase da intervención está na actualidade en fase de licitación e destacou a colaboración económica da Xunta, a través da Consellería de Política Social, que aportará 150.000 euros entre a primeira e a segunda fase.
 
Os traballos contemplan a rehabilitación integral do antigo mercado municipal para usos sociais, un inmoble que recuperará así funcionalidade para a veciñanza. Cunha posición estratéxica, as dependencias sitúanse á entrada da parroquia de Valdoviño, na estrada de Cedeira, e na área de influencia do Centro de Saúde, do Auditorio, do Museo do Surf e da Casa da Cultura. Actualmente alberga as dependencias da Garda Civil e do Xulgado de Paz, aínda que a maior parte da súa superficie, noutrora mercado, perderon a súa funcionalidade tras a xubilación da titular do único negocio que durante anos ocupou o inmoble. Así, hoxe en día, o Concello utiliza o local como almacén municipal.
 
Nesta liña, Alberto González explica que o equipo de goberno leva traballando máis de tres anos no proxecto. Un tempo no que se redactou o proxecto constructivo e se xestionou con éxito a financiación para a primeira e a segunda fase. A maiores da financiación autonómica, o Concello destinará parte da achega provincial 2017 á actuación.
 
A primeira e a segunda fase do proxecto contemplan, a grandes rasgos, ampliar a superficie útil mediante a cubrición da zona de soportais do exterior, a demolición das escaleiras de acceso e a construción dunhas novas, comunicar a nova planta baixa coa primeira a través dun ascensor e crear nese primeiro andar un espazo diáfano.
 
Así mesmo, estes traballos completaranse cunha terceira fase, orzamentada nuns 500.000 euros, e que prevé a construción dunha segunda planta que comunique a través dun pasillo en altura co inmoble da Casa da Cultura.
 
Neste contexto, o alcalde avanza que a edificación destinarase a usos sociais, asociativos, de ocio, culturais e mesmo deportivos. Tamén será un espazo de encontro, reunión e actividade para os veciños e veciñas da Terceira Idade. Compatibilizará estes usos coa celebración de charlas divulgativas, accións formativas… Por último, o rexidor apunta que esta intervención permitiralle ó Concello dispor dun espazo propio e evitar así o aluguer de locais privados para uso municipal, o que suporá un aforro para as arcas municipais.