VII Festival Solidario a favor de Cáritas este sábado no Concello de Valdoviño

Entidades veciñais, culturais, deportivas, ANPA e asociación de amas de casa, en colaboración co Concello e coas empresas Paula Raamonde Varela, Pabulandia e Industrias ET, únense este sábado para organizar a VII edición do Festival Solidario a favor de Cáritas. Unha oportunidade para disfrutar dunha xornada de lecer e, ao mesmo tempo, apoiar a extraordinaria labor de Cáritas.
 
Así, o festival desenvolverase en horario de mañá no pavillón do CPI Atios, e de tarde na Casa da Cultura, e a veciñanza pode colaborar cos seus donativos, que se establecen en tres euros.
 
A partir das 11 horas iniciarase o programa cunha multitudinaria sesión de ximnasia doce. Sesión que se prolongará por espazo de media hora. A continuación, a sesión colectiva proposta será de hitt e, ao remate, a actividade será zumba.
 
Xa pola tarde, a partir das 17 horas, está programada unha xornada completamente musical coas exhibicións e actuacións de diferentes grupos e formacións do municipio. Son estes: Grupo de baile moderno de Lago; Grupo de baile tradicional «Álvaro Cunqueiro» de Lago e actuación estelar de Los Nostálgicos como peche de festa.