Concello e movemento asociativo arrancan este domingo a X Campaña “Na Caixa do Correo do Nadal, comparte ilusións”

Un ano máis, e xa van dez, Concello e entidades veciñais e culturais do municipio unen esforzos na organización da Xuntanza Solidaria de Nadal. Celebrarase este domingo 15 de decembro, a partir das 16,30 horas, na Casa da Cultura e, como é tradición, a cita inclúe unha chocolatada e a visita do apalpador, así como un espectáculo a partir das 18 horas no auditorio. Neste caso, Iseo A Moura, función dirixida a un público familiar.
 
A xuntanza marcará o inicio da campaña solidaria de Nadal «Na Caixa de Correo do Nadal… comparte ilusións». A partir do próximo domingo e ata o día 23, todos os nenos e nenas do municipio poden entregar a súa carta para os Reis Magos nunha caixa de correo especial, que está ubicada na Casa da Cultura. O Concello fixo chegar unha carta coa felicitación do alcalde a todos os nenos e nenas do concello. Ademais, todas as familias recibirán información sobre cómo proceder se se atopan na situación de dificultades para abordar a compra dun agasallo de Nadal para os seus fillos e fillas. Deste xeito, o Concello porase en contacto con estas familias para valorar dita necesidade e conseguir o agasallo que os seus fillos e fillas pediron. 
 
Serán as asociacións municipais e o Concello as que se encarguen da compra dos agasallos solicitados nas cartas para os nenos e nenas que o precisen. Valoración que será realizada polo persoal técnico de Servizos Sociais e garantirá a confidencialidade das familias solicitantes así como a xustiza e igualdade no reparto.
 
Iseo A Moura
A obra Iseo A Moura recrea a historia dunha muller da montaña, feliz de vivir entre paxariños, lobos, corzos, osos, árbores e penedos e todas as clases de choivas, ventos e neboeiros. Moitos anos atrás, traballaba no carbón e tan impresionados quedaron os seus compañeiros de cuadrilla pola forza e resistencia que naquela dura vida amosaba aquela muller, que comezaron a dicir que era unha xiganta, filla do Xigante Roxo que habitaba no profundo da serra. E aí naceu a lenda… Sen embargo, esta xiganta, acostumada a vivir soa e valerse por si mesma, precisa cada ano atopar o camiño que una a montaña coa xente. É por iso que no Nadal baixa a agasallar cariño e caloriña en forma de castañas. Barrigolas, barriguiñas! Vén a Apalpadora para que non pasedes fame e durmades ben quentiñas!