Festival de Panxoliñas de Meirás este sábado

O Concello de Valdoviño celebrará este sábado o XIX Festival de Panxoliñas de Meirás. Terá lugar na Igrexa de San Vicente, a partir das 18,45 horas, organizado pola coral Alentía de Meirás e coa colaboración da Concellería de Cultura. Nel, tomarán parte o Coro Canta Compaña e as corais Virxe do Mar de Cedeira, Ecos de Chamorro e, pechando o cartel, a actuación da coral local, Alentía.
 
A Concellería de Cultura de Valdoviño colabora na iniciativa a través da participación do Coro Canta Compaña, que financia a través da Rede Cultural da Deputación provincial.
 
Ofrecerá en Valdoviño melodías tradicionais do tempo de Nadal como Stille Nacht acompañadas doutras músicas do mundo e cantos tradicionais galegos. Canta Compaña realiza os seus primeiros concertos en 2007 e, dende aquela, ten actuado por toda España, así como en multitude de países da UE.