O Concello abre a inscrición nuns cursos de manexo do móbil e do ordeador dirixido preferentemente a mulleres maiores de 55

No marco do programa municipal de igualdade e prevención das violencias machistas «Somos e Contamos», o Concello de Valdoviño vén de anunciar a convocatoria de dúas accións formativas centradas nas novas tecnoloxías e dirixidas preferentemente a mulleres maiores de 55 anos, aínda que abertas a todo o mundo. Trátase dos cursos «Toma de contacto co computador» e «Manexo do teléfono móbil ou smartphone». A inscrición está aberta no departamento municipal de Servizos Sociais –planta baixa da casa consistorial ou teléfono 981 48 70 41 extensión 5-. A participación é gratuíta, aínda que as prazas son limitadas, polo que se cubrirán por orde de inscrición e tendo en conta a preferencia do criterio de xénero.
 
O curso centrado no uso do ordeador desenvolverase no centro comunitario (Valdoviño) do 12 ao 18 de novembro en horario de mañá: de 10,30 a 13 horas. No caso do manexo do teléfono móbil celebrarase no local social de A Carreira (Sequeiro) e o horario será de tarde: de 17,30 a 20 horas.
 
Nun e noutro caso, será o INICE quen imparta as accións, subvencionadas polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.