O Concello convida á veciñanza a achegar as súas fotografías de Valdoviño para confeccionar o calendario municipal do 2020

Queres que unha fotografía túa apareza no calendario que editará o Concello de Valdoviño do 2020? Se estás interesado/a participa enviando unha ou varias imaxes a partir de mañá venres, 25 de outubro e ata o 10 de novembro á web do Concello.
 
Seguindo a idea que guiou o calendario de 2018 e 2019, a fotografía terá que ser dun lugar do municipio de Valdoviño que poida ser comparable con outro lugar do mundo, polo que se deberá especificar o lugar onde se tomou a fotografía e aquel outro co que se compara. Dende o Concello tamén se quere facer constar que, no caso de aparecer persoas na imaxes, debe acompañarse do seu consentimento expreso para o seu uso; que non se aceptarán traballos con contidos contrarios á legalidade vixente, e que as fotografías presentadas quedarán en posesión do Concello, de tal modo que poida utilizalas e reproducilas por calquera medio sempre citando ó seu autor.
 
As fotografías deben enviarse a través do seguinte formulario: Calendario Valdoviño 2020: envío de imaxes.
 
A finais de novembro, o Concello porase en contacto coas persoas autoras das imaxes elixidas e o 22 de decembro realizarase a presentación do calendario nun acto público a celebrar no auditorio da Casa da Cultura.