Concello e AFAL promoven o curso “Coidar ao coidador” dirixido a familias de persoas afectadas de alzheimer e outras demencias

O Concello de Valdoviño, en colaboración con AFAL Ferrolterra, promove o curso "Coidar ao coidador". Dirixido a familias coidadoras de persoas afectadas de alzheimer ou outro tipo de demencia, desenvolverase en dúas xornadas, o 3 e 4 de outubro, de 15 a 19 horas. A acción é completamente gratuíta, pero require de inscrición previa e pode formalizarse no departamento municipal de Servizos Sociais (pranta baixa da casa consistorial ou teléfono 981 48 70 41).
 
O obxectivo é dotar ás persoas coidadoras de coñecementos, estratexias e habilidades que as axuden a entender a enfermidade e a manexar as situacións que leva o coidado dunha persoa afectada de alzheimer ou outra demencia, pero tamén entender o proceso emocional que experimenta o coidador e coñecer estratexias que vos axuden a convivir coa enfermidade.
 
Entre os contidos, abordarase o envellecemento normal contra o envellecemento patolóxico; o concepto das demencias e os tipos, así como as fases da enfermidade e os síntomas. Tamén os trastornos psicolóxicos do comportamento e a comunicación coa persoa con demencia. Nunha segunda parte, tratarase o coidado da persoa coidadora, abordando os problemas aos que se enfronta, o síndrome do coidador ou aquelas medidasde coidado ao coidador.
 
Talleres para persoas afectadas
Así mesmo, o alcalde de Valdoviño, Alberto González, avanzaba a intención de reeditar os talleres de estimulación cognitiva para persoas afectadas de alzheimer en colaboración con AFAL Ferrolterra. Unha iniciativa coa que achegar as terapias que a asociación desenvolve nos seus centros de día emprazados en Ferrol aos veciños e veciñas do municipio, eliminando distancias e favorecendo unha mellor atención tanto ás persoas afectadas como aos seus coidadores e familias.