O Concello conclúe as obras de construción de aseos adaptados no palco da música de Loira

O Concello de Valdoviño concluía as obras de construción dunha infraestrutura de 9 metros cadrados anexa ao palco da música de Loira en madeira tratada na que se habilitaron dous aseos adaptados para persoas con mobilidade reducida. Unha intervención incluída no POS+2017 que, xunto co acondicionamento do local social de Aviño, contemplou un investimento de 51.000 euros.
 
Nesta liña, o alcalde, Alberto González, explicou que as obras continuarán nos vindeiros meses, xa que o Concello levará a cabo unha actuación máis ambiciosa con cargo a fondos provinciais para acondicionar este inmoble como local social. Lembrou que Loira é a única parroquia de Valdoviño que carece dunhas instalacións deste tipo e, co fin de remediar a situación, o Concello procederá ao peche da zona do palco e ao acondicionamento do baixo, así como á súa unión co módulo de aseos recén rematado.
 
O antigo palco da música está sito nas inmediacións da igrexa e cemiterio de Loira e conta na súa contorna cunha pista polideportiva. Nos últimos meses o Concello construía nas súa inmediacións o primeiro parque infantil da parroquia. Así mesmo, para posibilitar a actuación en carteira, a principios de 2017 o Concello aprobaba unha subvención nominativa á asociación de veciños de Loira para sufragar a adquisición da parcela que colinda co palco da música e gañar espazo para a realización de actividades ao aire libre.