Ruta literaria polas parroquias de Loira, Vilaboa, Vilarrube e Pantín este sábado

Valdoviño conmemorará este sábado 20 de abril o Día do Libro cunha interesante e novidosa proposta por parte da Concellería de Cultura: os primeiros itinerarios literarios. Unha actividade na que tomarán parte unha veintena de veciños e veciñas que solicitaron a inscrición no percorrido, guiado e en autocar. A través do mesmo, recorreranse todas as parroquias do municipio, facendo unha parada nas mesmas, onde se lerá unha breve lembranza a modo de recoñecemento dalgún/a autor-a literario que estea ligado directamente coa devandita parroquia.
 
Así, este sábado ese itinerario arrancará ás cinco da tarde da Casa da Cultura. O autocar tomará dirección Loira e, dende este punto, continuará por Vilaboa, Vilarrube e Pantín. Neste caso, os autores homenaxeados serán Pilar Cibreiro, Mario Caneiro, José Rey Aneiros e Antón Cortizas.
 
A «viaxe» rematará en Pantín (na contorna do monumento ao surfista), sobre as 19 horas, coa actuación conxunta da artista Helga Méndez e o cantautor Roger de Flor, que presentará o espectáculo poético e concerto acústico ”Ela e Dylan: as flores solitarias”, sobre temas  do músico e premio Nobel de Literartura Bob Dylan. De aí, os participantes regresarán á Casa da Cultura.
 
O itinerario reeditarase no mes de maio polas parroquias de Valdoviño, Lago, Sequeiro-San Bartolo e Meirás, co gallo da conmemoración das Letras Galegas.