O pleno do Concello de Valdoviño aproba unha declaración de apoio aos traballadores de Poligal

A corporación municipal de Valdoviño respaldou por unanimidade unha declaración institucional de apoio aos traballadores e traballadoras de Poligal. Foi no último pleno municipal celebrado en Valdoviño, no que concelleiros e concelleiras fixeron súa unha moción conxunta trasladada pola plantilla.

Nela, a corporación expresa o seu apoio e a súa solidariedade, e o das veciñas e veciños que representan, coas traballadoras e cos traballadores de Poligal-Narón, na xusta defensa dos seus postos de traballo. Tamén trasladan a demanda unánime á empresa para que renuncie ao concurso voluntario de acredores e retire a proposta de liquidación de Poligal-Narón e, por último, amosan a súa  esixencia á Xunta de Galicia e ao Ministerio de Industria, administracións que viñeron subvencionando a Poligal, do seu compromiso e implicación activa na solución deste conflito que, necesariamente, pasa polo normal funcionamento do centro de traballo de Narón e o mantemento do seu cadro de persoal, xa que doutro xeito non se pode entender a concesión de axudas públicas.