News and calendar events are only written in Galician language

A Cooperativa de Vilaboa estrea gasolineira

A Cooperativa de Vilaboa inaugurará este venres 11 de outubro a súa estación de servizo. Será nun acto que dará comezo ás 13 horas e contará coa asistencia do alcalde, Alberto González, e máis da directiva e socios da entidade. Así o avanzou o xerente, José Ameneiros, para mostrar a satisfacción da cooperativa pola apertura, coa que se dá cumprimento a unha demanda latente na parroquia. Os seus veciños e asociados gañarán en comodidade, evitando realizar o traxecto de 10-12 kms que os separan da gasolineira máis próxima, situada na parroquia de Lago.
 

O pleno do Concello de Valdoviño aproba por unanimidade a declaración institucional a favor da reactivación económica da comarca

Todos os partidos políticos con representación na corporación municipal de Valdoviño (PSOE, PP, Centristas de Valdoviño e BNG) secundaron a declaración institucional a favor da continuidade de Endesa en As Pontes e a reactivación económica da comarca. Foi no pleno celebrado a pasada semana no municipio. Unha declaración consensuada previamente polos alcaldes e alcaldesas da comarca, reunidos de urxencia esta semana ante a grave situación económica derivada da decisión da empresa.
 

Narart inaugura exposición mañá en Valdoviño

Narart (Narón amigos del arte) inaugura este xoves 10 de outubro nova mostra de pintura na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura de Valdoviño. Con entrada de libre e de balde, o acto dará comezo ás 20 horas.
 
A partir de entón, a exposición cunha selección das obras pictóricas do colectivo artístico poderá visitarse ata o 27 deste mes en horario de 12 a 14 horas de luns a domingo e de 16 a 19 horas tamén os sábados e domingos.

Cita esta fin de semana en Valdoviño co Xtreme Pantín 7th Edition

A praia de Pantín acollerá esta fin de semana o Xtreme Pantín 7th Edition nas modalidades de waveski, kaiaksurf e stand up paddle. A competición está organizada polo Club Náutico Folixa, coa colaboración do Concello de Valdoviño e a Federación Galega de Piragüismo, e nela tomarán parte deportistas de Galicia, doutras comunidades españolas como Asturias e País Vasco e máis doutros países como o veciño Portugal e máis Inglaterra.
 
Entre os favoritos, Guillermo Carracedo en stand up paddle ; Odei Etxeberría en waveski ou Gorka Martínez en kaiaksurf.
 

Proxección do filme “The Way” este venres no auditorio da Casa da Cultura de Valdoviño

O auditorio da Casa da Cultura acollerá este venres 11 de outubro a proxección da película The Way, centrada no Camiño de Santiago. O pase terá lugar ás 20,30 horas, con entrada libre e de balde ata completar as 180 prazas de aforo.
 

Pages

Subscribe to Concello de Valdoviño RSS